Análise

Non vos esquezades de Afganistán

Parque Nacional Band-E Amir, en Afganistán. (Foto: Europa Press / Contacto / Jay Price)
José Carlos Bermejo Barrera é catedrático de Historia Antiga da USC.

En Afganistán e nos países musulmáns utilízanse moito os refráns, como antes faciamos nós. Hai dous refráns que nos serven para entender o que está a pasar alí: "Ausencias son esquecementos", e "ollos que non ven, corazón que non sente". E é que dá a impresión de que os que controlan a información decidiron que practicamente non se fale das xentes de Afganistán.

En Occidente, pero tamén na India, por exemplo, acuñáronse todo tipo de clixés despectivos sobre os pobos afgáns. Di un refrán hindú: "Non te fíes dun elefante, dunha cobra, nin dun afgán". E os ingleses dicían cousas como: "Os afgáns só están en paz cando están en guerra", aínda que como recoñeceu un famoso xeneral, "sabemos máis dos habitantes que viven na cara oculta da Lúa que dos afgáns". Eran o equivalente dos escoceses no norte de Persia e a India, uns pobos que vivían en terras altas e illadas, aos que se debería controlar e manter encerrados nas súas montañas. Ruyard Kipling no seu conto Os servidores da súa maxestade, contrapón a disciplina dos mulos, cabalos e animais de carga do exército inglés, que conversan ao longo do texto, cos afgáns. O mulo artilleiro, que é o protagonista, asombra a un alto cargo da corte de Cabul, que expresa o seu desexo de que os habitantes do seu país fosen tan disciplinados como os animais ingleses.

Afganistán posúe a maior reserva de litio do planeta, ten xacementos de gas e petróleo que non foron explotados por razóns políticas e xeográficas

E as cousas seguen máis ou menos así tras da retirada das tropas da OTAN, negociada directamente cos talibán, grupo que antes era considerado terrorista. Moitas persoas asocian Afganistán co opio, os talibán e o apartheid das mulleres da vida pública, laboral, relixiosa e cultural. Ás veces, cando un afgán chega a España, adoita ser recibido coa expresión "Afganistán, que horror!", dando á vez un paso atrás e non querendo saber nada, porque "Afganistán está moi lonxe". Podo dar testemuño destas reaccións porque as presenciei, así como o discurso disparatado de que os talibán son un grupo anti-imperialista e que non pode ser certo que traten tan mal ás mulleres.

Fonte de recursos minerais

Afganistán é do mesmo tamaño que España, cunha poboación de 38 millóns de habitantes, con partes desérticas e outras moi verdes, con zonas montañosas dunha altitude media superior aos 2.000 metros, con zonas irrigadas por grandes ríos, como o Helmand e o Hari Rud, que crean unhas paisaxes similares ás do val do Nilo, ou irrigadas polo sistema das karezas, que recollen as augas das choivas das montañas en enormes redes de canles subterráneas e permiten unha agricultura florecente, se as choivas acompañan. E a iso podemos engadir zonas de pastoreo nómades de ovellas, cabras, gando bovino, nas que o camelo, o cabalo e o mulo son omnipresentes. Estamos diante dun gran produtor agrícola, que exporta os seus produtos a Paquistán, que é o provedor de produtos industriais para os afgáns. Deles depende o equilibrio da economía paquistaní, esmagada por unha débeda pública enorme debida en gran parte ao desmesurado gasto militar, que fixo de Paquistán unha potencia nuclear desde hai moitos anos.

Cultivo de durmideira en Badajsán, Afganistán. (Foto Philip Poupin Zuma Press ContactoPhoto)

Desde a prehistoria, na que as dúas grandes culturas de Harappa e Mohenjo Daro, situadas nos vales do Sind e do Punxab, mantiveron relacións comerciais con Exipto e o Oriente Medio, aos que proporcionaron o lapislázuli, ese marabilloso mineral azul intenso que vemos na arte dos faraóns, Afganistán foi unha gran fonte de recursos minerais, e segue a selo. Posúe a maior reserva de litio do planeta, ten xacementos de gas e petróleo que non foron explotados por razóns políticas e xeográficas, pero tamén de ferro e outros moitos minerais. E desde hai miles de anos son famosas as súas alfombras, tapices e as pelicas de astracán.

Non só estamos diante dun país rico, que é o maior produtor de azafrán, agora comercializado polos chineses, e cuxo valor é superior ao opio, razón pola que o último goberno democrático favoreceu o seu cultivo, que realizan exclusivamente as mulleres. É que ademais foi historicamente un gran roteiro comercial, o Roteiro da Seda, que desde India e China subía cara a Cabul, pasando os desfiladeiros do Hindu Kush, e enlazando con Herat, a gran capital comercial e artística de Persia, para desde aí desembocar no mar Caspio, Turquía e o Mediterráneo.

As fronteiras actuais limitaron a extensión do país e illárono á mantenta. Quedou sen acceso ao mar, atravesado en diagonal polo Hindu Kush, sendo necesario cruzar desfiladeiros e pasos de montaña para ir do norte ao sur.

Afganistán posúe un gran patrimonio arquitectónico. Coñecemos os Budas de Bamiyan, destruídos polos talibán á vez que facían un masacre, que reflicten a importancia do budismo, que se expandiu por ese roteiro comercial. Pero moito antes temos os dous reinos gregos de Bactriana e Sogdiana, cuxas cidades proporcionan impresionantes achados aos arqueólogos occidentais. E a iso teriamos que engadir a arte das súas mesquitas, entre as máis belas do mundo, como a mesquita dos Venres de Herat, e os seus libros e produtos artesanais de todo tipo.

Se é así deberiamos preguntarnos por que Afganistán desde a súa creación en 1890 tras un tratado entre os imperios zarista e británico aparece como un país illado, atrasado e violento. Debemos ter en conta que o territorio historicamente afgán era moito máis extenso que o actual, ocupando parte de India, Paquistán, Irán e países como Tadxiquistán, Usbequistán, Acerbaixán e Turcomenistán. Os dous grandes imperios de Ghor e Ghazni estendéronse por esas rexións na época correspondente á nosa Idade Media. As fronteiras actuais limitaron a extensión do país e ademais illárono á mantenta. Quedou sen acceso ao mar, está atravesado en diagonal polo Hindu Kush, sendo necesario cruzar desfiladeiros e pasos de montaña para ir do norte ao sur. Inglaterra opúxose a que se construíse o ferrocarril, ao contrario que na India. Os rusos quixeron que se construíse a liña Herat-Kandahar, pero non tiveron éxito. E a OTAN decidiu construír a autoestrada Cabul-Herat, que sería fundamental se se rematara. Os seus ríos non son navegables, e iso agrava un illamento que explica por que nin Inglaterra, nin a URSS, nin a OTAN puideron controlar un país fragmentado.

Pero non se trata só da xeografía. En Afganistán hai un pobo dominante, os pastunes, que se identifican cos afgáns propiamente ditos, e outros pobos como os hazara, de lingua persa e relixión chiíta, pero xunto a eles están os tayikos, uzbekos, aimaks, turcomanos e outros. A relixión dominante é o islam sunita, pero xunto aos chiítas houbo tamén hindús, xudeus e mesmo cristiáns, aínda que todos estes grupos estean agora desaparecidos, debido ao xenocidio e a limpeza étnica.

Di un refrán afgán: "Nós odiamos os nosos curmáns. Os nosos curmáns e nós odiamos os nosos veciños. Nós e os nosos veciños odiamos os do pobo da beira", e así sucesivamente. En Afganistán a solidariedade familiar e tribal era fundamental, como en Oriente Medio e como na Europa antiga e medieval. Iso orixinou guerras e enfrontamentos continuos, similares aos doutros países. É curioso que en España, con 17 autonomías, tres linguas nacionais, ademais do castelán, varias guerras carlistas no século XIX e unha durísima guerra civil nos permitamos o luxo de chamar violentos aos afgáns e dicir que non están unidos.

Membros talibán nun vehículo militar perto do aeroporto de Cabul en 2021. (Foto: Europa Press / Contacto / Saifurahman Safi)

As mulleres afgás

Non hai nada na guerra, o dereito, os costumes violentos e os malos tratos ás persoas en Afganistán que non teña paralelo noutras épocas da historia mundial. Nada, excepto o delirante trato que sofren millóns de mulleres. Ese trato é o resultado dunha versión fanática e enfermiza do islam, que non permite a música, o canto, o cinema, os libros non relixiosos e ata o voo de cometas, que era un deporte nacional para os nenos. As mulleres non poden traballar, estudar, saír á rúa, ir ao salón de peiteado, que era o seu lugar de reunión, xunto co mercado. O que as mulleres afgás conquistaron cos procesos de modernización promovidos pola monarquía nos anos trinta do século XX, coa ocupación soviética e a occidental, perdeuse rapidamente, debido á indiferenza de Occidente, que pensou que os talibán ían controlar o terrorismo islámico do ISIS grazas ao seu propio terrorismo interior. É a mesma misión que Inglaterra asignou ao Emir de Ferro, Abdur Rahman Khan, creador pola forza do Estado afgán e dun réxime baseado no terrorismo de Estado descrito no libro de Lillias Hamilton. Un réxime que será precedente de moitas ditaduras posteriores que permitiron ás grandes potencias controlar aos pobos e países que lles eran necesarios para defender os seus intereses xeopolíticos, sen necesidade de manchar as mans. A historia de moitas ditaduras asiáticas, africanas, latino americanas e da propia España contemporánea foi boa proba deste cinismo, que distinguía entre "os nosos fillos de puta" e os demais. Así foi e segue sendo.

O poder que camiña na escuridade

Estamos ante un caso de cinismo. Ninguén, excepto Irán, e discretamente China, quere recoñecer o Goberno talibán, pero negóciase con eles por detrás, porque se pensa que teñen o país tranquilo, gozando desa paz que atopamos no cemiterio. Iso é así porque así naceu o estado terrorista afgán en 1870, conservando esa estrutura ata a actualidade, cando non a frean unhas reformas levadas a cabo con axuda estranxeira.

Xa non hai compaixón para un país no que morreron de fame 1 millón de persoas en 2023 segundo a ONU, e que sendo rico está entra os máis pobres do mundo

Abdur Rahman Khan, o Emir de Ferro, unificou ao país por encargo de Inglaterra que lle construíu as fábricas de armas máis modernas do momento. Levou a cabo o exterminio dos hazaras e a destrución da cultura do Nuristán. Creou un estado terrorista apoiado nunha policía secreta, chamado "o poder que camiña na escuridade", que secuestraba, asasinaba, torturaba e mantiña cárceres case secretos, das que ninguén volvía saír. O emir cría ter dereito a utilizar a violencia a discreción. Recibía axuda financeira de Inglaterra, intercambiado embaixadores con ela nas cortes de Cabul e Delhi. Os ingleses pensaban, e dicíano por escrito: fai falta a violencia para gobernar pobos violentos, salvaxes e irracionais. Iso mesmo díxose noutro tempo fóra de España para xustificar o poder de Franco sobre un pobo ingobernable.

Afganistán naceu como o soto escuro do imperio Británico, e foi cortexado por Rusia, a URSS, e mesmo pola Alemaña nazi. Dá a impresión de que é algo necesario que é mellor non coñecer. Por iso agora xa non hai compaixón para un país no que morreron de fame 1 millón de persoas en 2023 segundo a ONU, e que sendo rico está entra os máis pobres do mundo. E no que se di das súas mulleres, que se dividen en dúas: as que aos 50 anos son vellas, polos partos, enfermidades e traballo, e as que non tiveron a sorte de chegar a selo. Parece que non se debe falar delas. Os libros de Lillias Hamilton, médica, militante feminista, e defensora dos dereitos inalienables das mulleres, son unha elexía por todas elas, e por todas as persoas que alí querían ser libres, e que agora o seguen querendo, envolvidas na escuridade e o silencio. Esperemos que as súas voces deixen de ser como esas pingas que apenas ecoan ao caer nese pozo do silencio dos moitos e a voz de só uns poucos que é a información no mundo global.

Gustaríame concluír cun poema de Leonard Cohen:

Por favor non te esquezas de min!

Paseaba por Nova York
Cando me atopei cun home que ía diante de min.
Decateime que levaba un cartel nas costas
E cando pasou ao carón dunha farola
Puiden lelo, e dicía:
"Por favor non te esquezas de min,
Estou cego, pero ti podes ver,
Estou completamemte cego,
Por favor non te esquezas de min!"
Xa sei que estades aí sentados
Afundidos nos vosos asentos de veludo,
E pensades: bah!
Xa está este outra vez ca mesma lelía,
Pero eu nunca terei que cantar esa canción.
Pero prométovos meus amigos
Que tamén vos teredes que cantala.
Quizais non esta noite
Nin quizais mañá,
Pero un día axeonllarédesvos
E quero que saibades a canción
Para cando vos chegue o intre de cantala,
Para vos,
Para outros
Ou para voso irmán.
Teredes que aprender a cantar esta canción.
"Por favor non te esquezas de min,
ti que xa non tes que cantala porque non vai contigo!
Por favor non te esquezas de min,
Porque estou cego pero ti podes ver,
Si estou completamente cego,
Pero por favor non te esquezas de min!".

Leonard Cohen

[Tradución: José C. Bermejo Barrera]