Nielsen pon en dúbida a axuda da OTAN ante un ataque estadounidense: "Groenlandia non vai ceder nin partes nin o territorio enteiro"

O primeiro ministro de Grenlandia, Jens Frederik Nielsen. (Foto: Fred Marvaux / European Parliament / DPA)
Preguntado pola posibilidade de que a illa corra a mesma sorte que Venezuela, Nielsen lamentou que moitos groenlandeses pensan que "poden ser os seguintes".

O primeiro ministro de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen, puxo en dúbida que a OTAN defenda a illa en caso dun ataque por parte dun país membro da alianza, aínda que recalcou que, a pesar das tensións a raíz das ameazas do presidente estadounidense, Donald Trump, sobre unha posíbel anexión da illa, as partes "seguen sendo aliadas".

"Non sei se a OTAN nos daría garantías de loitar por nós contra outro aliado", declarou Nielsen, mais á vez manifestou que, con todo, "todos seguimos sendo aliados a pesar disto".

Neste sentido, recalcou que a poboación "non vai ceder ante a actual Administración" estadounidense, "nin partes do territorio nin o territorio enteiro". "É noso", apuntou, antes de aclarar que a poboación "non sente a salvo" tras as ameazas de Trump.

"Sabemos que existe certo desexo de posuír ou controlar Groenlandia, e aínda que descartou algunhas opcións, como a invasión, nunca renunciou a ese desexo de posuír ou controlar Groenlandia", manifestou.

"Así que non somos inxenuos. Sabemos que ese desexo segue presente", engadiu. Preguntado pola posibilidade de que a illa corra a mesma sorte que Venezuela, Nielsen lamentou que moitos groenlandeses pensan que "poden ser os seguintes".

"E sei que outros países tamén pensan igual, e é realmente lamentábel", continuou. "Cando a situación era máis crítica, a xente tiña medo de deixar os seus fillos na gardería", lembrou. "Ese é só un exemplo. Quen planeara festas ou reunións, simplemente canceláronas", sinalou.

Así o dixo despois de que esta semana, Trump volvera a pór o foco en Groenlandia, lanzando ameazas de anexión e afirmando que, ao seu xuízo, é "enorme anaco de xeo mal xestionado".