Netanyahu ordena "ataques contundentes e inmediatos" sobre Gaza

Cidade de Gaza, no norte do enclave palestino, o 24 de outubro de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images vía ZUMA / DPA vía Europa Press)

O primeiro ministro tomou a decisión tras unha reunión de seguridade do seu Gabinete.

A oficina do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, anunciou esta terza feira que o mandatario ordenou ao Exército lanzar "ataques contundentes e inmediatos" contra a Faixa de Gaza, segundo un comunicado oficial difundido pola súa oficina.

A decisión foi adoptada tras unhas "consultas de seguridade" co Gabinete israelí, convocadas de urxencia despois, afirma o comunicado, de que a milicia palestina Hamás entregara restos humanos que non se corresponderían con ningún dos 13 reféns israelís cuxos corpos seguen sen localizar no enclave. O comunicado non ofrece detalles sobre o alcance nin o obxectivo dos ataques.

Hamás reitera o seu compromiso co cesamento do fogo

O Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) negou que o grupo teña información sobre a localización dos cadáveres dos reféns que aínda non entregou a Israel, antes de insistir en que a formación procederá facelo "canto antes", entre as críticas das autoridades israelís polos atrasos no proceso.

"As afirmacións da ocupación sobre que Hamás coñece a localización dos corpos dos seus prisioneiros é falsa, especialmente ante os cambios sufridos por Gaza a causa da agresións", dixo o portavoz do grupo, Hazem Qasem, en referencia á ofensiva militar lanzada contra a Faixa desde o 7 de outubro de 2023.