Morre aos 66 anos o ex presidente da Junta de Estremadura Guillermo Fernández Vara

Guillermo Fernández Vara. (Foto: Europa Press)

Fernández Vara faleceu a causa do cancro de estómago que padecía desde decembro de 2023.

O ex presidente da Junta de Estremadura Guillermo Fernández Vara faleceu este domingo aos 66 anos de idade, tras unha longa enfermidade, segundo confirmaron fontes do PSOE.

Nacido na localidade pacense de Olivenza o 6 de outubro de 1958, o ex mandatario socialista, que tamén ostentaba o cargo de vicepresidente segundo do Senado, estivo á fronte do Executivo estremeño entre os anos 2007 e 2011, así como entre 2015 e 2023.

"Hoxe Estremadura perde un referente. E con el vaise un cacho da nosa historia recente: 12 anos de presidencia e toda unha vida dedicada a servir a súa terra", lamentou o secretario xeral do PSOE estremeño, Miguel Ángel Gallardo, a través das súas redes sociais, asegurando que a súa perda non só lle doe á "familia socialista" senón tamén "a toda unha rexión que avanzou grazas ao seu traballo incansábel".

Cabe lembrar que foi en decembro de 2023 cando o propio Fernández Vara revelou que padecía un tumor no estómago, polo cal foi intervido en marzo do ano seguinte. Desde entón, o socialista estivo recibindo tratamento oncolóxico, aínda que a súa situación de saúde, segundo informaba este pasado sábado o PSOE, volveuse "moi fráxil".

Así mesmo, foi secretario xeral do PSOE de Estremadura desde 2008 até 2024, cando foi sucedido polo actual líder dos socialistas na rexión, Miguel Ángel Gallardo.

Médico forense de profesión, Fernández Vara tamén ocupou o cargo de conselleiro de Sanidade e Consumo entre 1999 e 2007, así como o de conselleiro de Benestar Social da Junta de Estremadura entre 1996 e 1999.