A Moncloa impugna o veto a festas musulmás nas instalacións deportivas de Jumilla
O Executivo español remitiu “un requirimento ao Concello de Jumilla, en Murcia, para que anule a moción que impide o desenvolvemento de actos que a comunidade musulmá viña facendo desde hai anos”, informou a segunda feira o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres (PSOE).
Asemade, acrecentou que o requirimento ía acompañado dun “informe xurídico” do Ministerio ao respecto.
O Partido Popular (PP) e a ultraespañolista Vox “non poden decidir para quen si hai liberdade de culto e para quen non, é un dereito constitucional”, subliñou Torres, que enfatizou que “ante a intolerancia non hai medias tintas”.
En paralelo, Félix Bolaños (PSOE), titular de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, sentenciou que “frearemos as súas medidas ultra, como fixemos ante trabas ao aborto en Castela e León ou a censura en Murcia”.
O documento ratifica que o acordo municipal, alcanzado cos votos do PP e a abstención de Vox, que presentara a moción orixinal, é ilegal, violando o principio de neutralidade dos poderes públicos no ámbito da relixión, o dereito á liberdade relixiosa e a igualdade perante a lei, amais de constituír “unha clara desviación de poder”.
"Manifestacións relixiosas tradicionais"
O 28 de xullo, o pleno do municipio, no que o PP está a un asento da absoluta, aprobou un texto que veta “actividades culturais, sociais ou relixiosas alleas ao Concello” en instalacións deportivas públicas da localidade, e que insta o Goberno local a “promover actividades, campañas e propostas culturais que defendan a nosa identidade e protexan os valores e manifestacións relixiosas tradicionais no noso país”. O texto orixinal mencionaba explicitamente unha festa musulmá.