Un mínimo de 167 persoas mortas nun accidente aéreo en Corea do Sur
Un avión de pasaxeiros con 181 persoas a bordo estalou en chamas este domingo en Corea do Sur, despois de que, durante unha aterraxe de emerxencia, se saíse da pista e chocase cun muro no aeroporto internacional de Muan, a 288 quilómetros ao suroeste de Seúl.
Os bombeiros confirmaron 167 falecidos e rescataron a dúas persoas con vida, pero expresaron pouca esperanza de achar máis sobreviventes. As autoridades surcoreanas cren que foi unha avaría no tren de aterraxe o que provocou o sinistro, ao parecer causada por un choque cun paxaro.
As autoridades a cargo do operativo de rescate amosáronse escépticas de que poidan atoparse máis persoas con vida polo mal estado no que quedou o avión. Neste sentido, explicaron que “as posibilidades de supervivencia son extremadamente baixas”,
O accidente produciuse ás 9.07 da mañá (1.07, hora peninsular española) cando o avión de Jeju Air, que transportaba 181 persoas —175 pasaxeiros e seis tripulantes— nun voo procedente de Bangkok, a capital de Tailandia, estaba a aterrar no aeroporto surcoreano.
A maioría das persoas a bordo eran de nacionalidade surcoreana, pero o ministro de Exteriores tailandés comunicou que polo menos dous eran de nacionalidade tailandesa, o que leva a non descartar máis casos.
A liña área surcoreana Jeju Air, propietaria do avión sinistrado, pediu escusas polo accidente nun comunicado publicado na páxina web. No mesmo afirman, que “agachamos as nosas cabezas en forma de escusas a todo o mundo que sufriu co accidente”
“Faremos todo o posíbel para resolver a situación”, continúa o comunicado da compañía, onde transmiten condolencias ás familias dos falecidos. Neste sentido, o director executivo da empresa Kim E-Bae asegurou que “independentemente da causa asumirei toda a responsabilidade como director executivo”.
Choi Sang-mok
O presidente do país, Choi Sang-mok, trasladouse ao lugar de accidente, onde pediu “asignar todos os recursos dispoñíbeis” e dirixir todos os esforzos necesarios ás tarefas de rescate “para salvar aínda que sexa unha vida máis”,
Choi Sang-mok indicou que “investigaremos a fondo a causa do accidente e deseñaremos medidas preventivas para evitar que se produzan outros similares no futuro”.