Más Madrid cesa a deputada Loreto Arenillas, sinalada por encubrir as acusacións contra Íñigo Errejón
Más Madrid cesou esta sexta feira deputada Loreto Arenillas tras a súa negativa a dimitir por unhas explicacións dadas en relación a un presunto caso de violencia sexual protagonizado polo ex portavoz de Sumar Íñigo Errejón "que non se corresponden coa realidade coñecida nos últimos días e horas".
O cesamento faise extensíbel a todas as súas responsabilidades e cargos no partido. Nun comunicado de once puntos, Más Madrid explicou que hai un ano a deputada Loreto Arenillas tivo coñecemento duns feitos relacionados con Íñigo Errejón nun concerto en Castelló nos que unha muller o acusou de tocarlle o cu.
"A título persoal, Arenillas iniciou un proceso de mediación coas mulleres afectadas tratando de aclarar o sucedido. Este proceso foi insatisfactorio para elas e pouco despois a acusación de agresión fíxose pública en redes sociais, sen que en ningún momento informase o partido das acusacións ou deste proceso", trasladou a formación no comunicado.
Días despois, tras coñecer o partido a acusación a través dun fío de Twitter, puxéronse en contacto con Loreto Arenillas pedíndolle que puxese ao dispor das vítimas os mecanismos de denuncia cos que conta Más Madrid, sen recibir resposta por parte delas, polo que deron por fechado o caso.
Descoñecemento
"Hoxe somos conscientes de que foi unha actuación completamente insuficiente e asumimos a responsabilidade das consecuencias que esta actuación puidese ter", recoñeceu a formación.
"Más Madrid non tiña coñecemento de episodios similares ao de hai un ano, nin dos que se veñen denunciando os últimos días sobre Errejón", asegurou no comunicado. "Non temos denuncias nin testemuños concretos, nin presentes nin pasados, pero aínda así teriamos que actuar con máis contundencia tras aquel episodio", lamentou.
Respecto da denuncia da agresión en Castelló e a intervención da deputada Loreto Arenillas, Más Madrid valora "que as explicacións que deu entón non se corresponden coa realidade que se coñeceu durante os últimos días e horas".
"Ante esta circunstancia esiximos a dimisión da deputada. Ante a súa negativa anunciamos o cesamento de todas as súas responsabilidades e cargos no partido", resolveu.
Presunción de inocencia
Loreto Arenillas, deixou a súa acta na Asemblea de Madrid e abandonou o seu partido, ao que acusou de quitarlle a "presunción de inocencia". Ademais, asegurou que a portavoz de Más Madrid, Manuela Bergerot, coñecía o caso en 2023. Así o anunciou nunha misiva en redes sociais onde se reivindicou como "vítima de violencia machista como tantas mulleres". "Nunca pensei que podería perder a presunción de inocencia no meu propio partido", dixo.