A máis deforestación, máis pandemias
"Levámolo advertindo durante décadas, mais ninguén fixo caso", sinala Kate Jones, autora do estudo que acaba de publicar a revista Nature sobre a relación entre perda de biodiversidade e pandemias en humanos. A investigación vénse a sumar ás elaboradas nos últimos meses no contexto da expansión do novo coronavirus ─e nos últimos anos co xurdimento de novas enfermidades zoonóticas─. Todas coinciden: o risco de pandemias increméntase en paralelo á tala de bosques e selvas.
O estudo de Jones, experta en modelización ecolóxica da University College de Londres, ofrece a explicación. A deforestación leva á extinción de numerosas especies, a maioría grandes depredadores, que facilitan que outras, como ratas e morcegos, sobrevivan e prosperen, incrementando a súa potencialidade de albergar e acabar transmitindo patóxenos a humanos.
Arredor de 6.800 comunidades ecolóxicas de seis continentes foron analizadas: nos lugares degradados, o número de especies que portaban enfermidades zoonóticas aumentou en 70%.
Mais non son ratas ou morcegos os causantes das pandemias; só unha especie é responsábel da Covid-19: os humanos. Os expertos mundiais na materia levan tempo advertindo desta circunstancia. As pandemias son unha das manifestacións da degradación do planeta. Unha das que están por vir.
"A natureza estanos a mandar unha mensaxe", dicía en marzo, no medio da expansión global do novo coronavirus, a directora executiva do Programa da ONU para o Ambiente, Inger Andersen. "Non coidar do ambiente é non coidar de nós mesmos", sinalaba.
"O risco de que no futuro agrome unha nova enfermidade zoonótica é máis alto que nunca", apuntaba WWF noutro informe publicado en xuño. O director xeral desta ONG, Marco Lambertini; a responsábel da Convención da ONU para a Biodiversidade, Elizabeth Maruma Mrema; e a de Medio Ambiente, Cambio Climático e Saúde da OMS, Maria Neira, publicaban a mediados dese mes un artigo conxunto neste sentido. "Nos últimos anos vimos emerxer moitas enfermidades ─como o Zika, a Sida, o Sars ou o Ébola─ que, aínda que parezan diferentes, teñen a orixe en poboacións de animais en condicións de severo estrés ambiental", advertían.
Corrixir estratexias
Tamén o pasado 24 de xullo, nun artigo publicado na revista Science, un grupo interdisciplinario de científicos apelaba á responsabilidade dos Gobernos para controlar a deforestación e frear o comercio de fauna salvaxe como principal medida para previr futuras pandemias.
E a comezos deste mes de agosto, a Plataforma Intergobernamental Científico-normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas (Ipbes, nas siglas en inglés, estabelecida en 2012 por máis dun cento de Estados), albergou un ciclo de conferencias para analizar os nexos entre a perda de biodiversidade e as novas enfermidades. Alí cuestionouse a excesiva focalización no desenvolvemento de vacinas, nunha diagnose rápida e na contención. Isto é, no tratamento dos síntomas ignorando as causa subxacentes.