Maduro sinala desde o cárcere que "estamos ben, somos uns loitadores"

Nicolás Maduro e Cilia Flores retidos por axentes da DEA en Nova York o pasado 6 de xaneiro. (Foto: Europa Press / Contacto / Kyle Mazza-CNP)

Nicolás Maduro fixo chegar unha mensaxe de ánimo ao pobo venezolano desde o cárcere estadounidense onde está secuestrado a través do seu fillo, o deputado Nicolás Maduro Guerra.

A canle publica Venezolana de Televisión (VTV) deu a coñecer este domingo unha mensaxe transmitida desde o cárcere estadounidense onde está secuestrado por Nicolás Maduro ao seu fillo, o deputado Nicolás Maduro Guerra, quen deu conta da mesma nunha reunión de cadros do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV).

Nicolás Maduro Guerra sinalou que seu pai "transmitiulle unha mensaxe de fortaleza" e indicoulle que "estamos ben, somos uns loitadores", en relación co seu estado de ánimo e o da súa parella, a tamén, deputada do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), Cilia Flores.

"Os avogados dixéronnos que está forte"

"Os avogados dixéronnos que está forte", continuou Maduro Guerra, quen asegurou que seu pai "dixo que non esteamos tristes". Nesta dirección, sinalou que contra o actual presidente de Venezuela actualmente secuestrado en Estados Unidos "empregouse unha forza desproporcionada, ao non poder vencelo por outras vías".

O fillo de Maduro aseverou que seu pai mantense "moralmente íntegro e forte" e que "o seu liderado non foi dobregado malia circunstancias que enfronta en territorio estadounidense". Neste contexto, en toda Venezuela desenvólvense mobilización para demandar a liberdade do presidente secuestrado.

A mensaxe de Maduro coñeceuse o mesmo día en que a Oficina de Asuntos Consulares do Departamento de Estado de Estados Unidos instou aos seus cidadáns a  abandonar Venezuela polo risco ante o suposto rearmamento de milicias no territorio. Neste sentido, recomendou, tamén, "non viaxar" a Venezuela.

"Abandonar o país de inmediato"

A Oficina de Asuntos Consulares do Departamento de Estado de Estados Unidos informou que "a situación de seguridade en Venezuela segue sendo inestábel. Dado que se renovaron os voos internacionais, os cidadáns estadounidenses en Venezuela deben abandonar o país de inmediato".

As afirmacións da Oficina de Asuntos Consulares estadounidense foron rexeitadas polo Ministerio de Exteriores de Venezuela que acusou ao Goberno de Washington de "fabricar unha percepción do risco que non existe" baseándose en "relatos inexistentes". Nesta dirección, reiterou o seu compromiso coa "protección da paz, a estabilidade institucional e a convivencia do pobo venezolano".

"Venezuela atópase en absoluta calma"

O titular de Exteriores venezolano, Yván Gil,  afirmou que "Venezuela atópase en absoluta calma, paz e estabilidade. Todos os centros de poboación, vías de comunicación, puntos de control e dispositivos de seguridade funcionan con normalidade, e a totalidade das armas da República atópanse baixo o control do Goberno Bolivariano".