Macron exixirá ao resto de aliados comunitarios empregar o 'bazuca comercial' contra Trump

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, e a da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Dati Bendo / EC / DPA)
A ferramenta, chamada 'bazuca comercial', permite conxelar o acceso aos mercados comunitario de contratación pública ou bloquear determinados investimentos, entre outras medidas.

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, pedirá á Unión europea que active por primeira vez o mecanismo anticoerción fronte aos novos aranceis que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou que imporá aos Estados europeos que enviaron militares a Groenlandia, segundo recollen medios franceses que citan o equipo do mandatario francés. Todo isto nun contexto no que terá lugar unha reunión de urxencia dos aliados comunitarios este domingo.

A ferramenta, coñecida como o 'bazuca comercial', permite conxelar o acceso aos mercados comunitario de contratación pública ou bloquear determinados investimentos, entre outras medidas. Este instrumento, que foi adoptado polo bloque comunitario en 2023 como elemento disuasorio a fin de combater medidas comerciais que un terceiro Estado puidese utilizar para presionar un (ou varios) dos 27 Estados membro, nunca foi utilizado.

Para a activación do chamado 'bazuca comercial' é necesaria a aprobación de polo menos o 55% dos Estados membro, así como que estes representen polo menos o 65% da poboación da UE. A proposta do presidente galo chega despois de Trump anunciar aranceis do 10% a partir do 1 de febreiro (que se incrementarían a 25% a partir do 1 de xuño) contra Dinamarca, Noruega, Suecia, Francia, Alemaña, o Reino Unido, os Países Baixos e Finlandia, os Estados que enviaron militares a Groenlandia.

Declaración conxunta

No medio das tensións causadas polos plans declarados de Trump, de apoderarse de Groenlandia, os oito países europeos –todos membros da OTAN– ameazados con aranceis polo presidente dos Estados Unidos divulgaron unha declaración conxunta sobre a situación.

No documento comunican que, como membros do bloque militar, están comprometidos "co fortalecemento da seguridade do Ártico como interese transatlántico compartido". Así mesmo, agregan que a Operación Resistencia Ártica, desenvolta en Groenlandia coa participación de algo máis de 30 militares, "responde a esta necesidade" e "non supón ningunha ameaza para ninguén".

"Solidarizámonos plenamente co Reino de Dinamarca e o pobo de Groenlandia. Sobre a base do proceso iniciado a semana pasada, estamos dispostos a estabelecer un diálogo baseado nos principios de soberanía e integridade territorial, que defendemos firmemente", destaca a declaración.

Así mesmo, estes países denuncian que foron ameazados polos Estados Unidos lles coa imposición de aranceis en represalia polo envío de militares e sinalan que estas medidas "socavan as relacións transatlánticas e entrañan o risco dunha perigosa espiral descendente". "Seguiremos mantendo unha resposta unida e coordinada. Estamos comprometidos coa defensa da nosa soberanía", subliñan no documento.

Reunión de urxencia

Todo isto nun contexto no que embaixadores e embaixadoras dos 27 Estados da Unión Europea se reunirán este domingo nunha xuntanza de emerxencia despois de que Trump prometese unha onda de aumento de aranceis aos aliados da OTAN que envíen apoio militar a Groenlandia até que se lle permita aos Estados Unidos comprar a illa.

Chipre, que ostenta a Presidencia rotatoria semestral da Unión Europea, anunciou o sábado pola noite que convocara a reunión para o domingo. Neste sentido, diplomáticos e diplomáticas da UE indicaron que estaba previsto que comezase ás 17 horas (hora galega), segundo informou Reuters.