Unha locomotora en Euskal Herria
O PNV avanza sen teitos electorais e sen acusar desgaste ningún a pesar de copar o poder. Esta é a primeira clave das eleccións de abril e maio. A outra tendencia confirmada nas urnas vascas é o fracaso da dereita española. C’s e Vox ficaron sen actas municipais e nin eles nin o PP obtiveron representación nas Cortes. Bildu subiu, mais o arrase electoral do PNV e a súa preferencia polo PSOE pode deixar lonxe de moitas alcaldías á formación de Otegi. Eis un extracto da análise, publicada no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza.
Mais a locomotora de Ortuzar tamén valeu a Otegi para argumentar que “o problema está en que esa locomotora non ten condutor e non sabe nin cara a onde vai nin en que camiños está; non sabe onde dirixirse nin con quen quere facer o camiño”. Empregaba estas palabras o líder abertzale cando o deputado do PNV en Madrid, Aitor Esteban, mantiña o suspense sobre cal sería a posición do seu partido nos orzamentos do Estado apresentados por Mariano Raxoi así como na posterior moción de censura, da que Pedro Sánchez resultou co goberno do Estado nas súas mans.
Agora, de cara á conformación dos gobernos municipais, PNV e PSOE-EE xa chegaron a un preacordo esta semana nunha reunión en Sabin Etxea coa participación das delegacións encabezadas polo presidente do Euzkadi Buru Batzar, Andoni Ortuzar, e pola secretaria xeral do PSOE-EE, Idoia Mendia. Segundo adiantaron ambas formacións, o obxectivo do acordo vai na mesma liña que o alcanzado en 2015 no que se refire a “obter gobernos locais e forais estábeis”. En canto a apoiarse alí onde ningunha das dúas formacións fose a máis votada, o acordo de hai catro anos estipulaba que só sería obrigatorio cando así o requirise o partido que quedara por diante. Ademais, daquela tratábase dunha decisión a tomar en cada territorio e non polas respectivas executivas nacionais.
[Podes ler a análise íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]