León XIV crítica as políticas de inmigración de Trump e pronuncia un discurso de carácter social

León XIV durante a bendición 'Urbi et Orbi' no Vaticano. (Foto: Europa Press)
León XIV tivo unha lembranza especial na súa homilía para a poboación palestina, exclamando: "E como non pensar nas tendas de Gaza, expostas desde hai semanas ás choivas, ao vento e ao frío, e nas de tantos outros desprazados e refuxiados en cada continente, ou nos refuxios improvisados de miles de persoas sen fogar nas nosas cidades".

A situación do pobo palestino ocupou un lugar central na tradicional misa de Nadal desenvolvida na mañá desta quinta feira na Basílica de San Pedro na cidade do Vaticano. O Papa León XIV lembrou o sufrimento da poboación dos territorios ocupados polo ente sionista, denunciou a violencia á que están sometidos por parte de Israel e reclamou unha solución que garanta a dignidade e paz a estas persoas, en liña coa posición tradicional mantida polo Estado do Vaticano.

León XIV tivo unha lembranza especial na súa homilía para a poboación palestina, exclamando: "E como non pensar nas tendas de Gaza, expostas desde hai semanas ás choivas, ao vento e ao frío, e nas de tantos outros desprazados e refuxiados en cada continente, ou nos refuxios improvisados de miles de persoas sen fogar nas nosas cidades". Na mesma dirección, demandou á comunidade internacional vontade política para resolver o conflito e lembrou as resolucións da Organización de Nacións Unidas a favor dun Estado palestino.

O Papa manifestou o compromiso expreso da Igrexa católica coa paz. Neste sentido, aproveitou a súa primeira misa de Nadal como pontífice para reclamar "xustiza, paz e estabilidade para o Líbano, Palestina, Israel e Siria" e demandou "o valor para dialogar de maneira sincera, directa e respectuosa" co obxectivo de pór remate á guerra que se desenvolve en Ucraína. A este respecto, dirixiuse aos católicos porque "cada un de nós pode e debe facer o que lle corresponde para rexeitar o odio, a violencia e a confrontación, e practicar o diálogo, a paz e a reconciliación".

O pontífice amosou a súa faciana máis social lembrando os "traballadores mal pagados" e denunciando "unha economía distorsionada que induce a tratar os homes como mercadoría". Ao tempo, manifestou o seu apoio aos migrantes e refuxiados obrigados a "cruzar o Mediterráneo ou a fronteira estadounidense", nun toque de atención claro ás políticas migratorias defendidas por boa parte dos mandatarios da Unión Europea e polo presidente Donald Trump, quen está procedendo a deportar aos seus países de orixe as persoas residentes ilegais nos Estados Unidos de América.

O Papa León XIV non esqueceu aqueles católicos e católicas que en diversas partes do mundo son perseguidos polas súas conviccións relixiosas.