Junts e Aliança Catalana empatarían como terceira forza por detrás do PSC e ERC, segundo o CEO
A sondaxe do barómetro fíxose entre o 13 de outubro e o 11 de .novembro cunha mostra de dúas mil persoas enquisadas.
O PSC continuaría como a forza máis votada se se celebrasen eleccións ao Parlament de Catalunya, segundo a enquisa do Centre d'Estudis d'Opinió (CEO), se ben pasando de 42 a 38-40 escanos.
A segunda forza sería ERC, que subiría até os 22-23 deputados, deixando en terceiro lugar Junts per Catalunya, que sufriría un forte retroceso, situándose en 19-20 escanos, empatando con Aliança Catalana, que tería un aumento importante de deputados –agora só ten dous–. Por detrás, Vox tería 13-14 deputados; o PP, 12-12, os Comúns, 5-6 e a CUP, 3-4.
O barómetro do CEO fíxose de acordo cunha mostra de 2.000 enquisados, entre o 13 de outubro e o 11 de novembro deste ano. Segundo esta sondaxe, podería chegar a haber até 34 deputados de extrema dereita no Parlament catalán.
Junts perdería a hexemonía ns circunscricións de Girona e Lleida, onde Aliança, por primeira vez, sería a primeira forza, con entre 4 e 5 puntos porcentuais de votos máis que os seus perseguidores. O ascenso da formación de extrema dereita fundamentaríase sobre todo no resultado que podería obter nestas circunscricións, segundo o CEO. O estudo conclúe que un 21% dos votantes de Junts das eleccións de maio do 2024 votarían agora Aliança Catalana.
Vox subiría dos 11 deputados actuais aos 13-14, nunha estimación de voto tamén á alza. Isto iría en detrimento do PP, que ten unha fuga de voto dun 10% dos simpatizantes cara á formación de Santiago Abascal.
O CEO tamén pregunta polo sentido do voto nunhas eleccións no Congreso español, e o resultado sitúa o PSC no primeiro lugar (19-20 escanos), calcando os resultados dos comicios de hai dous anos. Esquerra iría á alza (9-10 escanos) e consolidaría o segundo lugar, mentres que Junts baixaría até os 5-6 escanos, a mesma estimación que o PP e Vox, que subiría respecto aos dous actuais. Sumar caería dos 7 actuais até os 3, mentres que Podemos obtería entre 0 e 1.