Israel e Hamás comezan o intercambio de reféns
O Exército de Israel confirmou esta segunda feira que os 20 primeiros reféns liberados por Hamás no marco do acordo alcanzado a semana pasada entre as partes foron entregados xa ás forzas israelís por parte do Comité Internacional de Cruz Vermella (CICR). A estes 20, súmanse outras 28 persoas falecidas no marco dos propios bombardeos de Israel sobre Gaza.
Pola súa parte, un total de 1.966 reféns palestinos que permanecían capturados por Israel comezaron a subirse a varios autobuses para o seu posterior traslado e entrega como parte do acordo. Entre eles atópanse 250 presos condenados a cadea perpetua e que serán liberados da prisión de Ofer, en Cisxordania, unha vez Hamás entregou o resto dos reféns. A organización palestina informou tamén de que Israel liberará durante as próximas horas todas as mulleres e crianzas que permanecen aínda baixo o cativerio do Estado sionista.
O grupo palestino indicou nun comunicado que está disposto a seguir implementando o que se acordou no marco da tregua, á vez que defendeu a importancia do "traballo dos mediadores para lograr que a parte sionista cumpra tamén coa súa parte".
"A liberación dos nosos heroicos presos, incluídos os que foron condenados a cadea perpetua e levan décadas entre reixas, é froito da fortaleza do pobo da Faixa de Gaza e dos fillos da resistencia", indicou a organización, á vez que afirmou que se trata dunha "personalización da vontade por lograr a liberación", algo que "non será destruído coa brutalidade dos neonazis".
Neste sentido, Hamás acusou o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, de "fracasar durante dous anos nos que apoiou unha guerra de exterminio e destrución para liberar á forza os reféns" cando o seu regreso "era unicamente posíbel mediante un acordo que puxese fin ao exterminio".
"A resistencia fixo todo o que está na súa man para preservar a vida destes prisioneiros a pesar dos intentos do criminal de guerra de Netanyahu e do seu Exército terrorista de eliminalos", aseverou, á vez que denunciou que os presos palestinos están a ser suxeitos a "abuso, tortura e asasinatos" nos cárceres de Israel.
É por iso que o grupo afirmou que a cuestión dos presos segue sendo unha "prioridade". "O pobo palestino non descansará até que o último prisioneiro sexa liberado e as forzas da ocupación abandonen a nosa terra e os nosos lugares sacros", concluíu o grupo.
Cumio en Exipto
Pola súa parte, Netanyahu non acudirá finalmente ao cumio organizado en Sharm el Sheij (Exipto) para rubricar o acordo entre Israel e Hamás. Un portavoz da Presidencia exipcia confirmara a asistencia do primeiro ministro israelí, mais a oficina do israelí sinalou pouco despois o contrario.
O acto estará encabezado en calidade de anfitrión polo presidente Abdelfatá al Sisi e a el acudirán máis dunha vintena de líderes internacionais, entre eles o estadounidense Donald Trump e o español Pedro Sánchez.
Chegada de Trump
Neste contexto, o presidente do Estados Unidos, Donald Trump, aterrou esta segunda feira no aeroporto internacional Ben Gurión, situado ao sueste da cidade israelí de Tel Aviv, mentres avanza a posta en marcha da primeira fase do acordo alcanzado entre Israel e Hamás para pór fin ao masacre xenocida perpetrada por Israel durante os últimos dous anos.
O mandatario dos EUA interviu no Parlamento de Israel, onde recibiu unha ovación do Knesset que durou varios minutos, antes de viaxar a Exipto. Antes da súa intervención, Netanyahu afirmou que Trump "é o mellor amigo que xamais tivo Israel na Casa Branca" e que "nunca un presidente dos Estados Unidos fixo máis por Israel".
Trump congratulouse polo acordo e pola participación de estados árabes e musulmáns na negociación. "Vai ser a era de ouro de Israel e vai ser a era de ouro de Oriente Próximo", afirmou. "Bo traballo", dixo a Netanyahu. Ademais, dúas persoas foron expulsadas do Parlamento de Israel tras gritar en contra do presidente estadounidense durante a súa intervención.