Hamás libera un detido israelí-estadounidense na Faixa para facilitar un novo cesamento do fogo
A organización palestina Hamás, que goberna Gaza, liberou a segunda feira Edan Alexander, un dos detidos israelís na Faixa (no seu caso tamén con nacionalidade dos Estados Unidos), “tras contactos coa Administración estadounidense”, sinalou.
O grupo detallou que a decisión “forma parte dos esforzos que están a realizar os mediadores para lograr un cesamento do fogo, abrir os cruces e permitir que a axuda e o socorro cheguen ao noso pobo” no enclave.
Asemade, instou Washington a “continuar os seus esforzos para pór fin a esta brutal guerra librada polo criminal de guerra [Benjamin] Netanyahu”, primeiro ministro do Goberno ultradereitista israelí, reiterando a súa disposición a negociar a fin das hostilidades e un intercambio de presos, que debe implica a marcha do Exército sionista, logo de rachar Israel a tregua en marzo.
Malia que na práctica os Estados Unidos seguen a armar Israel sen exercer presión real para que poña fin ao xenocidio, no que xa matou case 53.000 palestinas e palestinos, as conversas con Hamás e a liberación de Alexander intensifican o afastamento entre Netanyahu e Donald Trump, o presidente estadounidense.
Ao respecto, medios sionistas fixeron énfase en que Israel non foi informado polos Estados Unidos até que se fechou o acordo correspondente, igual que cando alcanzou un pacto cos hutís no Iemen para frear os ataques mutuos, mais que non limita os ataques contra Israel.
Xira por Asia Occidental sen pasar por Israel
A terza feira prevese que Trump aterre en Arabia Saudita, nunha xira que tamén inclúe Qatar e os Emiratos Árabes Unidos.
En Riad, fontes palestinas trasladaron que se encontrará con Mahmoud Abbas, presidente palestino, mentres que en paralelo o réxime sionista trata de convencer Trump para ser incluído no desprazamento.