Hamás frea os intercambios polas violacións israelís ao alto o fogo en Gaza

Funeral o 7 de xaneiro de 2025 en Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA vía Europa Press)

Israel segue a bloquear o material humanitario

O sábado estaba previsto un novo intercambio de presos entre a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, e o Goberno de ultradereita israelí, como parte do alto o fogo que leva en vigor desde o 19 xaneiro. Porén, ficou suspendido “até novo aviso”, comunicou a segunda feira a forza palestina, que indicou que para a súa reactivación é preciso que os sionistas cumpran os termos da tregua e rematen coas violacións ao entendemento.

25 palestinas e palestinos foron asasinados polas forzas israelís na Faixa despois da entrada en vigor do alto o fogo, denunciou Basem Naim, alto cargo de Hamás, que detallou que Israel está a bloquear a entrada de maquinaria, tendas de campaña ou xeradores de electricidade como estaba pactado. 

O titular de Defensa sionista, Israel Katz, anunciou que ordenou “aos militares que se preparen”. 

A decisión de Hamás produciuse no medio da polémica polo plan do presidente estadounidense Donald Trump, aplaudido por Israel, de ocupar e perpetrar unha limpeza étnica en Gaza, impedindo despois o regreso do pobo palestino no que definiu como “transacción inmobiliaria”.

Entrementres, os militares israelís continúan cos ataques contra Cisxordania, que obrigaron 40.000 persoas a fuxir dos seus fogares, co número de desprazadas “intensificándose a un ritmo alarmante”, indicou a Axencia da Organización das Nacións Unidas para os refuxiados palestinos.

Prisión por vender produtos dos colonos

Xa en Portugal, o Bloco de Esquerda propuxo prohibir importar ou vender bens, servizos ou recursos naturais de colonias ilegais en base ao dereito internacional, en alusión aos asentamentos israelís en Palestina, defendendo que se impoñan penas de prisión de até cinco anos.