Hamás confirma o segundo intercambio con Israel o sábado: Catro mulleres soldado por 200 palestinas

Deir al Balah, no centro da Faixa de Gaza, o 21 de xaneiro de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images vía ZUMA / DPA vía Europa Press)
Ofensiva de militares e colonos contra o pobo palestino en Cisxordania.

A organización palestina Hamás, que goberna a Faixa de Gaza, ratificou que o sábado se producirá o segundo intercambio no marco da primeira fase do alto o fogo rubricado co Goberno de ultradereita israelí, transcendeu a terza feira.

Aínda que non foron especificados os nomes das catro persoas que entregará o grupo por “razóns de seguridade concernentes aos liberados”, indicaron fontes de Hamás, prevese que sexan catro mulleres soldado polas declaracións de Nahed al Fajuri, alto cargo de Hamás, que incidiu en que o pacto da tregua indica que a cambio os sionistas deben liberar 120 persoas sentenciadas con cadea perpetua e 80 condenadas a penas de longa duración, o que concorda coas cifras trasladadas para o intercambio de mulleres soldado polo xornal Filastin.

Al Fajuri detallou que o sábado facilitarán os nomes, na mesma xornada na que Israel debe facer o propio. En tanto, o cesamento de hostilidades mantense en gran medida en Gaza, con varias violacións por parte de Israel, como o uso de drones no territorio e un ataque a civís, e máis de 1.500 camións con axuda humanitaria entraron no enclave palestino nos dous primeiros días do alto o fogo que comezou o domingo, cando se realizou o primeiro intercambio, despois de que o bloqueo israelí ao seu acceso desencadeara unha fame xeneralizada e mortes por desnutrición e hipotermia.

Só na segunda feira, a Defensa Civil palestina recuperou 66 corpos entre os cascallos de edificios destruídos por Israel, e estimou que os corpos de máis de 2.800 asasinadas evaporáronse polo uso de armas que xeran temperaturas superiores aos 7.000 graos no centro da explosión.

Ademais, corroborou que máis de 10.000 corpos están baixos os cascallos, mentres que os números oficiais recollen 47.107 palestinas e palestinos asasinados no xenocidio que comezou en outubro de 2023.

En Cisxordania, os militares sionistas lanzaron unha ofensiva acompañada de ataques de colonos por todo o territorio, agresións co aval do Executivo e das forzas de seguridade. Como mínimo nove persoas morreron, máis de 830 desde o inicio do xenocidio en Gaza.

Xa no réxime sionista, renunciou Herzi Halevi, xefe do Estado Maior do Exército israelí, alegando “terríbeis” deficiencias no ámbito da seguridade e da intelixencia e o “fracaso” á hora de evitar a operación da resistencia palestina do 7 de outubro de 2023, pero defendendo “logros significativos” no xenocidio.