Guerra sobre guerra: estas son as claves do novo conflito bélico que azouta Iemen

O líder do Consello de Transición do Sur, Aidarous al-Zubaidi, esta sexta feira 2 de xaneiro. (Foto: Presidencia do Sur do Iemen)

A guerra civil entre o Goberno da República do Iemen e o movemento Huti leva tempo centrando o foco neste país. Con todo, non é o único conflito que azouta o dividido territorio iemení. Esta sexta feira, o Consello de Transición do Sur anunciou a "guerra" contra o Executivo recoñecido pola maioría da comunidade internacional. 

 

As autoridades do Consello de Transición do Sur (CTS), a institución que ten o control de boa parte do sur e do leste do Iemen co apoio dos Emiratos Árabes Unidos, declarou esta sexta feira a "guerra" ao Goberno da República do Iemen, o cal está apoiado por Arabia Saudita e recoñecido pola meirande parte da comunidade internacional.  

"Hoxe acaba de estalar a guerra entre o norte e o sur", declarou o portavoz militar do CTS. Así, o xeneral Mohamed al Naqib, anunciou nun discurso televisado o comezo dunha "batalla decisiva" polas provincias orientais de Al Mahra e, sobre todo, de Hadramaut, parte histórica das reivindicacións territoriais das forzas que levan décadas ansiando a reconstitución do antigo da independencia do sur do Iemen.

Neste sentido, o CTS denunciou unha ofensiva a grande escala das forzas gobernamentais con respaldo de Arabia Saudita contra as súas posicións no leste do país. Este conflito pasara parcialmente desapercibido do foco mediático durante os últimos tempos, mais centrado na guerra civil entre as forzas da República do Iemen e o movemento Huti, o cal está apoiado por Irán e controla a capital, así como a maioría do oeste do país e das saídas ao mar Vermello. 

O CTS, non sen contradicións e disputas tanto a nivel interno como co Goberno da República, apoiou o Goberno recoñecido pola comunidade internacional nos momentos máis álxidos da guerra civil contra o movemento Huti a cambio de ver satisfeitas as súas reclamacións de independencia –Iemen xa fora un país separado en dous, norte e sur, até 1990–. Con todo, esta fráxil alianza, que xa rompera en varias ocasións de maneira esporádica, acabou por quebrar a principios de decembro, cando o CTS realizou un ataque no leste do país para reclamar os seus territorios históricos e provocou a morte de 32 militares iemenís, precisamente na provincia de Hadramaut, detonante da crise.

En resposta aos ataques do CTS sobre Hadramaut e Al Mahra, Arabia Saudita contestou con bombardeos a pasada semana sobre as zonas que pasaran a control do Consello de Transición do Sur, nunha escalada que acabou na declaración de guerra anunciada na xornada de onte.

O CTS rompeu así definitivamente esta ligazón de conveniencia coas autoridades de Adén –a cidade na que está a sede do Goberno da República do Iemen mais que fica rodeada polo territorio que controlado o CTS–, a cal comezou hai unha década, no comezo dunha guerra civil que obrigou estas dúas partes a facer unha fronte común para loitar contra a insurxencia do movemento huti, que se fixo co control da capital.

Referendo no sur

Logo de ser declarada a guerra, Aidarous al-Zubaidi, xefe do CTS, anunciou o inicio dun período de transición de dous anos seguido por un referendo o 2 de xaneiro de 2028 para a constitución do Estado do Sur de Arabia. Ademais, pediu á comunidade internacional que apoie conversas entre as partes sobre un camiño a seguir e sobre mecanismos que "garantan os dereitos dos pobos do sur".

Resposta de Arabia Saudita

A resposta á declaración de guerra non tardou en chegar. Avións de combate sauditas atacaron esta sexta feira aínda con máis forza as posicións do CTS en Hadramaut. Non houbo inicialmente informes de vítimas, aínda que fontes cifran nun mínimo de sete os combatentes do Consello de Transición caídos e en 20, os feridos. Os ataques producíronse tras un discurso televisado do gobernador oficialista da provincia, Salem al-Khanbashi, que co apoio de Arabia Saudita anunciou o lanzamento da operación para retomar o control dos cuarteis militares ocupados.

Al-Khanbashi cualificou a operación actual contra as posicións do CTS de "pacífica". "Esta operación non é unha declaración de guerra nin busca unha escalada", declarou no seu discurso. "Trátase dunha medida preventiva responsábel para retirar as armas e evitar o caos, así como para controlar os campamentos que se utilicen para socavar a seguridade en Hadramaut", dixo.

Ademais, as tensións estendéronse ao control do aeroporto internacional de Adén, principal porta de entrada para as zonas do sur fóra do control dos hutis. O embaixador saudita no Iemen, Mohammed Al-Jaber, acusou o líder do CTS de negar a aterraxe dunha delegación saudita envia-
da para mediar nesta crise. 

Ademais, o ataque de saudita en Hadramaut afonda no enfrontamento cos Emiratos Árabes Unidos, o seu antigo aliado na coalición que combate os hutis apoiados por Irán. Os desacordos inclúen o control de territorios e a influencia política no sur do Iemen, así como intereses económicos vinculados a xacementos petroleiros estratéxicos.

A repunta das hostilidades no Iemen chega despois de que os Emiratos Árabes Unidos anunciaran, a semana pasada, a retirada das súas forzas restantes no Iemen. Arabia Saudita exixira a medida nun prazo de 24 horas,  evidenciando o distanciamento entre as dúas potencias do Golfo. As diferenzas tamén afectan a OPEP+, grupo no que ambos os países exercen grande influencia sobre a política petroleira global.

Al Qaeda, unha facción máis nun territorio moi dividido

Iemen e o seu territorio son unha realidade extremadamente fragmentada e, dentro desa complexidade, a organización islamista Al Qaeda é unha máis das faccións que loitan polo control de zonas do país.

Ademais, o asentamento da organización mesmo provoca que as partes se acusen de cooperar con Al Qaeda para lograr os seus obxectivos. De feito, Al-Khanbashi, desmentiu esta sexta feira que as forzas de Escudo da Patria, organización paramilitar ligada ao Goberno da República do Iemen, estean vinculadas, como denuncia o CTS, coa organización islamista.

O papel dos EUA

A confrontación entre o CTS e o Goberno da República do Iemen supón un revés para os Estados Unidos de América, posto que se trata dunha situación que favorece o movemento Huti, que ve os seus inimigos divididos. Precisamente, os EUA emprenderon o pasado marzo unha campaña de bombardeos contra as posicións hutis, acusando este movemento de estar ás ordes de Irán. As accións agresivas estadounidenses provocaron decenas de mortes, unha realidade ante a que as Nacións Unidas amosou a súa preocupación. Con todo, tras dous meses de ataques, e vendo que non eran quen de socavar o movemento Huti, os EUA abandonaron as agresións.