O Goberno español descarta o ciberataque e sitúa a orixe das perdas de xeración que iniciaron a apagada en Granada, Badaxoz e Sevilla
O Goberno español pon o foco nas oscilacións que rexistrou o sistema eléctrico europeo media hora antes do cero eléctrico na península Ibérica para ver se "tiveron algo que ver co incidente eléctrico" e descartou finalmente que se producise un ciberataque, segundo indicou a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen esta cuarta feira, 14 de maio.
En comparecencia no Congreso dos Deputados, Aagesen afirmou que aínda se debe "determinar até que punto" esas dúas oscilacións que se percibiron 30 minutos antes dese cero eléctrico do 28 de abril tiveron algo que ver co incidente, xa que o sistema eléctrico peninsular forma parte do paneuropeo, que é "altamente complexo, con fenómenos interrelacionados".
Por iso, subliñou que a análise do apagamento debe ir "moito máis alá de culpabilizar unha fonte de xeración ou outra". "É unha análise que non pode resumirse nunha frase, é imposíbel, nin fecharse en falso. Desde logo, este Goberno non o vai a facer baixo esa responsabilidade", destacou.
O que si descartou finalmente, xa por completo, é a vía dun ciberataque como posíbel causa do apagamento e confirmou que, tras analizar o operador do sistema (Rede Eléctrica), os centros de control e as instalacións de xeración, "non se acharon indicios de que o operador do sistema fose obxecto dun ciberataque". "Creo que é moi boa noticia. Insisto, non hai indicios con respecto a que o operador do sistema tivese un ciberataque", dixo.
Unha apagada "excepcional"
A ministra, que tivo palabras de agradecemento para o conxunto da cidadanía "polo seu civismo", os servidores públicos e todos os axentes do sistema eléctrico polo seu traballo "para conseguir restabelecer a subministración eléctrica en tempo récord", tamén recalcou que o incidente do 28 de abril foi "un evento excepcional" e por iso estase a traballar, dixo, en identificar as causas, primeiro, para despois "poñer as medidas que sexan necesarias para que non volva ocorrer".
Por outra parte, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico afirmou en resposta a unha pregunta do deputado do Partido Popular Borja Sémper no Pleno do Congreso dos Deputados, que as perdas de xeración no sistema eléctrico no apagamento do 28 de abril empezaron en Granada, Badaxoz e Sevilla. Engadiu, ademais, que se están analizando "millóns" de datos que permitiron xa coñecer algúns elementos do incidente que fixo colapsar o sistema eléctrico peninsular.
Investigación
Aagesen subliñou tamén se descartaron outras hipóteses ademias da do ciberataque grazas ao traballo realizado nestas máis de dúas semanas. "Sabemos claramente que non foi problema de cobertura, que non foi problema de reserva e que non foi problema do tamaño das redes", dixo. Con todo, destacou que o Goberno español, co comité de investigación que creou para abordar a crise de electricidade, seguirá "traballando desde o rigor e non facendo hipóteses". A ministra comprometeuse a traballar "con total transparencia" e "sen descanso" para chegar á verdade nun incidente de "extrema complexidade" e que require "rigor".
Pola súa parte, Sémper lamentou que ante o maior apagamento da historia do Estado español as explicacións do Goberno e a ministra fosen "lamentábeis". "Non achegou información e si moita desinformación", cuestionou, urxindo a explicar "por que España se fundiu a negro?"