O Goberno español propón agora adaptar as multas da lei mordaza aos salarios dos sancionados

Pide unha redución do 50% da multa para os que gañen menos de 1,5 veces o salario mínimo.

 

PSOE e Unidas Podemos propoñen reducir até un 50% as sancións da lei de seguridade cidadá, coñecida como lei mordaza, para aqueles que non perciban máis de 1,5 veces o salario mínimo interprofesional (SMI) e tamén para os casos de sancionados que pagan voluntariamente a multa.

Así o reflicten as modificacións conxuntas que os dous partidos que integran o Goberno español, PSOE e UP; rexistraron na proposición de lei do PNV para a derrogación da lei mordaza, que tamén contempla unha redución do 25% no importe da multa aos sancionados con ingresos de entre 1,5 e 2,5 veces o SMI.

O PSOE e Unidas Podemos pasaron, pois, de negociar a derrogación da lei a propoñer que se reduzan as sancións.

"Coa individualización da sanción en función das circunstancias persoais do responsábel, cúmprese satisfactoriamente a finalidade de atender á súa capacidade económica, en termos practicamente inéditos no noso dereito administrativo sancionador", argumentan as dúas formacións que forman o Goberno de coalición. .

A iso súmase a posibilidade incluso de fraccionar o pagamento nos termos que mellor "se adapten á capacidade económica da persoa". A opción de despregar un pago voluntario por sancións leves ou graves, que tamén implica unha redución da multa, non será posíbel no caso de faltas "moi graves".

O Goberno español reafirmou esta segunda feira o seu "compromiso" coa reforma da lei mordaza, un proxecto do PP que "atacou dereitos fundamentais". Así o indicou daquela a conselleira de Política Territorial e voceira do executivo, Isabel Rodríguez, tras o consello de ministros. Afirmou que por respecto ao trámite parlamentario non valoraría aspectos concretos da reforma, mais subliñou que supón unha lei regresiva "contra os dereitos fundamentais".

Aínda que a portavoz non entrou en detalles, os dous socios do Goberno de coalición acordaron finalmente unha serie de modificacións da lei de seguridade cidadá, modificacións que se rexistrarán esta semana.

 O obxectivo é que a nova lei estea lista antes de fin de ano. O acordo entre o PSOE e Podemos responde ao anuncio feito por Pedro Sánchez no Congreso dos socialistas en outubro, cando dixo que acabar coa lei do PP era unha das prioridades do executivo.