O Goberno español confía nunha rebaixa do 22% no prezo medio da luz en 2021

Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica, e Isabel Rodríguez, voceira do Goberno, despois do Consello. (Foto: J. Hellín. POOL / Europa Press)
Recuperaranse 2.500 millóns de euros de beneficio das eléctricas polos altos prezos até marzo de 2022, nunha das medidas do paquete aprobado onte polo Consello de Ministros. A estimación do Goberno estatal é que a factura da luz baixe até o 30% antes de final de ano, na liña da promesa feita por Pedro Sánchez.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira un real decreto-lei cun “Plan de choque” que ten como obxectivo rebaixar “a factura eléctrica do consumidor medio o 22% mensual até final de ano”, sostivo despois da xuntanza a vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. Importe que se incrementaría até o 30% coas medidas aprobadas durante o verán, defendeu.

Tanto a vicepresidenta como Isabel Rodríguez, voceira do Goberno estatal e ministra de Política Territorial, defenderon que a serie de medidas está orientada a cumprir coa promesa de Pedro Sánchez, presidente español, de que cando remate 2021 o total da factura anual non superará a de 2018, feita a comezos de setembro.

Entre as principais novidades que contempla o texto, Ribera salientou que até o 31 de marzo de 2022 serán intervidos parte dos beneficios das empresas eléctricas, cunha recuperación prevista de 2.500 millóns de euros, para compensar o aumento da súa remuneración polos altos prezos do gas, que a ministra achacou ás “distorsións dun mercado internacional complexo con desaxustes na oferta e a demanda”.

Esta situación, que desde o Goberno do Estado se prevé que dure até o final do primeiro trimestre de 2022, permitiu a multiplicación dos beneficios ao fixar o prezo a enerxía máis cara que entra na poxa.

Os beneficios por debaixo dos 20 euros/MW por hora quedan fóra da intervención. Por enriba desa cifra, o 90% dos ingresos extraordinarios será destinado a un fondo xestionado pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.

No paquete de medidas, Ribera tamén incidiu na creación de poxas de compra de enerxía a longo prazo, onde os grandes operadores (Iberdrola, Endesa, Naturgy e EDP) terán que achegar 15.830 GWh (6,3% da demanda eléctrica estatal en 2020) para que as pequenas empresas que comercializan, e a grande industria, “poidan poxar polo prezo que consideren razoábel”, con importes distintos aos do mercado, e “normalmente máis baratos”, confiou a vicepresidenta.

Outro dos aspectos incluídos nas medidas é un tope á tarifa regulada de gas natural que estará vixente durante seis meses, o que -mantivo Ribera- permitirá diminuír até o 5% a media das distintas tarifas de último recursos. Asemade, prorrógase seis meses a prohibición de cortes de servizo.

A nivel impositivo, a decisión máis relevante do Consello de Ministros foi a redución do Imposto Especial sobre a Electricidade, aplicado no consumo, que pasa do 5,1% ao 0,5%, o mínimo permitido polas regulacións da Unión Europea.

Ao tempo, esténdese até o 31 de decembro de 2021 a suspensión da taxa que grava a xeración eléctrica, do 7%; e aumenta en 900 millóns de euros -chegando a 2.000 millóns- o rédito das poxas de CO2 dedicado a cubrir custos do sistema.

O último punto impulsado na reunión foi unha modificación legal para que as confederacións hidrográficas fixen un réxime mínimo e máximo dos caudais que se utilizan para a xeración eléctrica nos encoros, co fin de “evitar eses episodios que a todos nos deron vergonza no verán”, apuntou Ribera, en referencia ao baleirado dos encoros para aproveitar os altos prezos da electricidade.

Desde o eido empresarial a primeira resposta chegou da patronal Foro Nuclear, que ameazou co feche das centrais pola "excesiva presión fiscal".

Reacción política

O Partido Popular cuestionou o paquete de medidas a través da súa voceira no Congreso, Cuca Gamarra, que arremeteu en contra do recorte de beneficios ás empresas eléctricas, que demostra a “falta de política enerxética por parte do presidente” estatal, asegurou.

Estas normas “de dubidosa legalidade” poden intensificar os litixios, defendeu, e concluíu que “semella que pasamos do peronismo ao pedronismo”.

O voceiro do Bloque Nacionalista no Congreso, Néstor Rego, cualificou de “terribelmente inxusto” que entre as medidas adoptadas non se inclúa unha modificación do deseño do mercado marxinalista, que permite que a enerxía máis alta marque o prezo final.   

Ademais, tendo en conta a carencia dunha aposta por unha eléctrica pública, “dubido de que vaia ter unha influencia directa no prezo”, explicou.