Girona colga "por imperativo legal" o retrato do rei pero formado por centos de imaxes do referendo do 1-O

Retrato de Felipe de Borbón no Concello de Girona. (Foto: Nós Diario)

O Concello acata unha sentenza que o obriga a exhibir o retrato do rei Felipe VI no salón de plenos, mais faino cunha imaxe composta por centos de fotografías do referendo de independencia do 1 de outubro de 2017. O alcalde, Lluc Salellas, defende que a cidade "reitera así a súa vontade republicana".

O Concello de Girona acatou esta segunda feira a sentenza xudicial que o obriga a colgar no salón de plenos un retrato do rei Felipe VI. Fíxoo "por imperativo legal", tal e como subliñou o alcalde, Lluc Salellas (Guanyem Girona), mais convertendo a orde nun acto de reivindicación: o retrato real foi substituído por unha imaxe en tamaño A2 creada a partir de centos de fotografías tomadas durante o referendo de independencia do 1 de outubro de 2017 na cidade.

A medida deriva dun recurso presentado por Vox que exixía a reposición do retrato do monarca no espazo institucional. A sentenza, emitida o pasado 29 de abril, obrigaba a que a imaxe se colocase en lugar "preferente". Porén, o Goberno local decidiu situar o mosaico nunha parede lateral do salón de plenos, xunto ao público asistente, e non no espazo central detrás da mesa presidencial.

Detalle do retrato de Felipe de Borbón. (Foto: Nós Diario)

Tamén se incorporou a bandeira do Estado español, mais nun lugar discreto, dado que a sentenza non especificaba a súa posición.

Declaracións do alcalde

Salellas explicou que a decisión municipal quere ligar a figura de Felipe VI á memoria colectiva do 1-O. Fixérono "cunha vontade clara, que é reivindicar precisamente ese referendo, reivindicar a vontade republicana da nosa cidade, a vontade de independencia e de non apoio e rexeitamento á monarquía española".

"Sabemos que" o 1 de outubro "é un día que fixo dano á monarquía española e que polo tanto que a súa imaxe, aquí, vaia ligada claramente aos anhelos de liberdade dos gironins, é indisociábel e agardamos que un momento ou outro o pobo gañe á monarquía", concluíu Salellas.