Os ataques israelís perto dos centros de repartición deixan 125 palestinos mortos e 750 persoas feridas

Repartición de alimentos no campo de refuxiados palestinos de Nuseirat, no centro da Faixa de Gaza este 5 de xuño. (Foto: Europa Press / Contacto / Belal Abu Amer)
O exército israelí non cesa os ataques sobre puntos de repartición de comida en Gaza, onde se congrega a poboación á espera de axuda.

Polo menos 125 palestinos morreron e 736 resultaron feridos por disparos do Exército israelí ao longo da última semana e media nas inmediacións dos centros de distribución de axuda na Faixa de Gaza da cuestionada Fundación Humanitaria para Gaza (GHF), segundo denunciaron este domingo as autoridades do enclave palestino.

A Oficina de Medios do Goberno gazatí, baixo control do Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), indicou nun comunicado que os ataques das Forzas de Defensa de Israel (FDI) desde a apertura dos puntos de repartición de axuda humanitaria o 27 de maio saldáronse con "125 mártires, 736 feridos e nove desaparecidos [...] nun escenario recorrente de asasinatos deliberados baixo o pretexto dun falso labor humanitario".

Este balance inclúe trece mortos e 153 feridos este domingo, apuntaron as autoridades gazatís, "despois de que as forzas de ocupación e membros da compañía de seguridade estadounidense abrisen fogo contra civís famentos reunidos perto de dous centros de distribución de axuda ao leste da gobernación de Rafah e perto da ponte de Wadi Gaza". 

"Estes centros, estabelecidos en zonas militares abertas e completamente baixo o control da ocupación e de empresas privadas de seguridade estadounidenses, convertéronse en trampas sanguentas, atraendo a multitudes famentas e atacándoas con balas directas e explosivas", denunciaron.

Abordaxe do 'Madleen'

Neste contexto, o ministro de Defensa israelí, Israel Katz, avisou este domingo á activista sueca Greta Thunberg e ao resto de tripulantes do Madleen, o barco da Flotilla da Liberdade que ía camiño de Gaza para tratar de entregar axuda humanitaria, que dea a volta porque non logrará alcanzar o enclave. "Ordenei ás FDI (forzas de Defensa de Israel) que actúen para que a flotilla Madleen non alcance Gaza. Á antisemita Greta e aos seus amigos, digo claramente: dade a volta porque non chegaredes a Gaza", dixo Katz, en declaracións compartidas pola súa oficina.

Horas máis tarde, a Coalición da Flotilla da Liberdade denunciou a abordaxe do barco, un extremo confirmado polo Ministerio de Asuntos Exteriores de Israel, quen sinalou que se dirixe "ás costas de Israel con seguridade" e que as e os seus tripulantes regresarán aos seus países de orixe". En concreto, o Goberno israelí precisou na súa conta da rede social X que "todos" os pasaxeiros do Madleen atópanse "sans e salvos", nunha mensaxe acompañada de imaxes en vídeo onde se ve aos voluntarios con chalecos salvavidas.