A Galiza, pendente dos incendios de sexta xeración despois dos lumes en Lleida
Como no resto de fenómenos climáticos extremos, o quecemento global elevou a recorrencia dos incendios de máis magnitude.
“Os eventos extremos están vindo para quedar e o noso territorio non é distinto”, salientou a quinta feira a Nós Diario Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e técnico de distrito en Lugo-Sarria, despois de que os bombeiros cataláns definiran como de “sexta xeración” os lumes que a terza feira mataron dúas persoas e queimaron até 5.577 hectáreas en Lleida.
Este termo busca clasificar “os novos escenarios que nos atopamos nas últimas décadas”, e define incendios de tal magnitude que “son capaces de crear a súa propia meteoroloxía” e que “teñen vida propia, por así dicilo”. Por este motivo, “o seu avance sempre vai ser maior que a nosa capacidade de resposta”, sentencia.
Tamén matiza que non hai incendios de sexta xeración, senón con fases de sexta xeración, ao incluír novos factores amais da continuidade, da velocidade ou da simultaneidade, que marcan, entre outros, os niveis inferiores.
M.M., bombeiro forestal na Galiza que pediu non utilizar o seu nome completo, apunta ademais a este medio que unha das características chave destes fogos “é que xeran aceleracións exponenciais de velocidade”, e relata que a ese “nivel de escala” hai moitísimas variábeis que acaban por desencadear ou non unha fase de sexta xeración.
Ao respecto dos lumes que se desataron no centro da provincia de Lleida, enumera que os pastos que alimentaron as lapas padecen “unha seca estrutural”, houbo baixas precipitacións, cambios rápidos e extremos de humidade e unhas tormentas procedentes do sur de Francia que se dirixiron “directamente” ao fogo.
Ambos os dous ratifican que na Galiza xa se produciron incendios con fases de sexta xeración, como foi o caso en 2022 dos focos no Courel, no Barco de Valdeorras e no Macizo Central, detalla Bruña, que engade que tamén se poderían considerar así parte dos lumes en outubro de 2017, azuados polo paso do furacán Ophelia perto da costa galega. “Eventos extremos tivemos sempre nalgún momento” mais non se usaba ese termo, resolve.
Neste sentido, menciona casos en California (Estados Unidos), Grecia, Australia e o Canadá, e sinala o incendio de Pedrógão Grande (Portugal), poucos meses antes do paso de Ophelia, como un exemplo desta tipoloxía, nun evento que deixou 254 falecementos, e no que explica M. o fogo foi capaz de queimar 4.000 hectáreas en 21 minutos.
Un dos elementos presentes no ocorrido en Lleida foron os pirocúmulos, que advirten que non aparecen en todos os casos de incendios con fases de sexta xeración, que son “basicamente unha formación tormentosa pero xerada polo incendio” na que a carga de auga do combustíbel vai ascendendo pola atmosfera até que se condensa, pormenoriza Bruña.
Con todo, fai énfase en que o maior perigo é cando o pirocúmulo “vense abaixo”, en alusión ao intre no que a “carga e a intensidade da enerxía” que ascende vira en dirección ao chan, o “que xera ventos moi fortes cara abaixo en todas as direccións”, espallando as lapas.
Son estes “factores erráticos e de aceleración” os que imposibilitan a acción dos equipos de extinción, remarca M., que reitera que se trata de fenómenos “ultracomplexos” que “aínda non temos capacidade de comprender”. Nese contexto, “cando temos máis de 10.000 quilowatt por metro” xa “non podes facer nada”, indica o enxeñeiro forestal. “É como ter 5.000 estufas de 2 quilowatt xuntas”, exemplifica.
Como Bruña, o membro dos equipos de extinción subliña o peso do cambio climático nestes eventos, e ratifica que, malia que xa acontecían, “o cambio substancial é a recorrencia”, e iso “ten que ver fundamentalmente co quecemento global”, que funciona como “un elemento acelerador deste tipo de incendios” posto que “a atmosfera compórtase de forma diferente en base á temperatura na superficie e nas capas altas”.
“Sinceramente, a mellor prevención que habería é que o clima non cambiara desa maneira, e esa prevención xa nola cargamos”, láiase M., que enfatiza a importancia dos sistemas de resposta as lapas, proclamando que “calquera incendio comeza pequeno” e lembrando que se poden desatar focos secundarios a 30 km de distancia.
Autoprotección
Asemade, Bruña demanda controlar “a carga de combustíbel” no territorio, en referencia a unha “biomasa” que se supera “50 toneladas por hectárea supón un risco” de desatarse un fogo. En paralelo, admite que non é posíbel na actualidade “reducir o combustíbel” en toda a Galiza, sobre todo pola “composición social”, mais defende “actuar de forma estratéxica” onde “poida servir de ruptura da posíbel evolución dos lumes”, o que exixe “unha análise previa de planificación preventiva”.
Un dos lugares chave é a contorna dos núcleos de poboación no rural, puntos nos que insta as e os habitantes a pór en práctica medidas de “autoprotección”, e reducir o volume de biomasa nunha franxa de 50 metros, acabando coas especies que poidan incendiarse se están moi secas.
Isto “vai provocar unha intensidade menor [no foco] que vai facer que as nosas casas sexan moi defendíbeis primeiro e segundo que evitemos un impacto frontal directo”. Tamén prega revisar os canlóns das casas para retirar a vexetación seca e ter de ser posíbel fiestras ou contras de materiais ignífugos, así como implementar sistemas que eleven o nivel de humidade arredor da vivenda, o que “vai reducir sempre o impacto”, repetindo que “as vivendas tal como están construídas son seguras”.
Tamén chama a ter en conta a humidade, constatando que “as frondosas funcionan moi ben [contra o lume] se teñen humidade, un pasto funciona moi ben se ten humidade”, e indicou como arderon soutos no Courel ao estar deshidratados.
En última instancia pide avaliar a posibilidade de incendios á hora de deseñar estes espazos, comprobando que os fechamentos vexetais non sexan de especies secas por dentro (“unha polvoreira”, destaca) ou sendo conscientes de que o eucalipto ten compoñentes “máis volátiles” que poden xerar focos secundarios.
Todo isto é especialmente relevante ante as fases de sexta xeración nos fogos. En Lleida, a velocidade de expansión do lume levou a que Protección Civil renunciara a pór en marcha unha evacuación pola falta de tempo, polo que se ordenou o confinamento de 20.000 persoas até que rematou.