OS úLTIMOS DATOS FALAN DUN 6-7% DE PERSOAS INDECISAS

O futuro máis inmediato de Grecia, na encrucillada

[Imaxe: Flickr] Manifestación de apoio ao Non en Portugal

Os ollos de medio mundo están pousados sobre Grecia, á espera de coñecer o resultado do referendo que se celebra este domingo. Mentres a Troika persegue que o pobo grego vote o “NAI/SI” a novos recortes, o Goberno de Tsipras trata de que gañe o “OXI/NON”, botándolle unha sorte de pulso á UE para defender que ten que ser o pobo quen decida.

 

Ao longo do día de hoxe todos focos estarán centrados en Grecia, expectantes polo resultado do referendo convocado polo Goberno de Syriza para que o pobo grego decida se acepta ou non os requirimentos da Troika –Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional¬- para estender os créditos ao país. Precisamente, o FMI sitúa en 50.000 millóns de euros as necesidades de Grecia para os próximos tres anos, unha cantidade que fai inviábel o pagamento da débeda, máxime cando os acredores rexeitan toda caste de quita.

Non é noticia que Grecia se enfronte a un paquete de recortes dos acredores. O novidoso é que un país que pertence á UE tense a corda para permitir a decisión do pobo sobre as condicións impostas pola Ttroika para termar do sistema financeiro grego. Deste xeito, 11 millóns de gregos e gregas están hoxe chamados a decidir polo seu futuro e a acudir ás urnas para apostar polo “Nai/Si” dos recortes –cuxo obxectivo pasa por asegurar un superávit fiscal que permita o pagamento dunha débeda que o FMI admite que é imposíbel devolver- ou polo “Oxi/Non”, promovido polo Goberno de Tsipras, ás medidas de austeridade.

En concreto, o pobo grego terá que responder hoxe á pregunta “Temos que aceptar o proxecto de acordo que foi presentado pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional no Eurogrupo do 25/06/2915, que se compón de dúas partes e que constitúen a súa única proposta?”. No día de onte, o Goberno de Tsipras anunciou que manexa datos que advirten dunha lixeira vantaxe do “Non” nas sondaxes. Porén, sinalou que hai entre un 6 e 7% de persoas que aínda non decidiron o sentido do seu voto. Cómpre lembrar que para que o referendo sexa válido ten que rexistrarse, cando menos, un 40% de participación. As últimas sondaxes indican que a participación superará o 80%.

O sábado, o Goberno de Tsipras anunciou que manexa datos que advirten dunha lixeira vantaxe do “Non” nas sondaxes

Polo “Si” apostan Nova Democracia, o Pasok, o To Potami, o Movemento de Socialistas Democráticos ou a patronal grega, entre outros. Polo “Non”, amais de Syriza, avogan a dereita nacionalista Anel e forzas sen representación no parlamento como Antarsya. Contra o “Si” e o “Non” posiciónanse a Pame, que aglutina o movemento sindical de clase, e a formación comunista KKE, pois ambas organizacións critican que non se someta a referendo a alternativa do Goberno de Tsipras ao proxecto da troika. A alternativa de Syriza non é considerada como tal polos críticos, ao advertiren que é antiobreira e que coincide nunha alta porcentaxe coas medidas que impoñen a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional. Deste xeito, sinalan que rexeitan tanto o “Si” como o “Non” e apelan a clase obreira a elevaren as súas propias demandas e reivindicacións.

Os anteriores rescates da Troika a Grecia levaron o país heleno ao bordo do colapso, cunha situación de crise humanitaria onde o PIB caeu máis dun 25%. De feito, en 2010, a UE e o FMI impuxéronlle ao país un “rescate” de máis de 240.000 millóns de euros para sanear a economía. A cambio do “rescate”, o goberno conservador grego aprobaba unha serie de recortes sociais que sumiron na miseria o pobo. Entre os tesoirazos atopábanse a redución do salario e das pensións mínimas, así como a redución do investimento nos servizos públicos, nomeadamente na sanidade e na educación. A rebaixa dos salarios e a supresión de postos de traballo tamén foron consecuencia deste rescate.

Haberá que agardar até as 20h para coñecer os primeiros resultados do referendo sobre a proposta dos acredores para a prórroga do rescate grego e para coñecer o apoio social co que conta o Goberno de Tsipras. O seu ministro de Finanzas, o mediático Yanis Varoufakis, anunciou onte que de gañar o “Si” renunciará ao cargo.