Forzas israelís elevan a 48 os palestinos asasinados neste ano

Asentamento ilegal legalizado polo Goberno israelí en Nablus. (Foto: Nasser Ishtayeh / Europa Press / Contacto)
Tel Aviv avala novos asentamentos ilegais.

Os disparos do Exército israelí na madrugada desta segunda feira nunha importante incursión dos militares en Nablus, en Cisxordania, acabaron coa vida de Ameer al-Bustami, nun ataque no que sete persoas ficaron feridas. O día antes, no campo de refuxiados de Xinín, outra invasión militar israelí matou  unha crianza palestina de 14 anos.

Desde o comezo de 2023 as forzas israelís asasinaron 48 palestinos, 10 deles crianzas. En paralelo, foron reportados novos bombardeos contra a Faixa de Gaza.

O presidente palestino, Mahmud Abbas, subliñou que a poboación está a enfrontar un "asalto letal" por parte de Israel e reclamou "protección" á comunidade internacional, así como presión para deter os crimes perpetrados por Israel.

Pola súa parte, distintas formacións palestinas reuníronse en Ramala, desde onde fixeron un chamamento a incrementar a resistencia popular contra as permanentes agresións israelís.

Entrementres, Israel legalizou nove asentamentos de colonos en territorio palestino, considerados ilegais pola Organización das Nacións Unidas.