Feixoo anuncia unha protesta contra Sánchez e pide apoio aos socios de Goberno para unha moción de censura

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, este 29 de maio. (Foto: Nós Diario)
O presidente do PP avanzou unha ofensiva do seu partido para dar resposta a esta "decadencia" e "agonía" do Goberno na rúa, nos tribunais e no Parlamento.

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, anunciou esta quinta feira a convocatoria dunha manifestación en Madrid, o próximo 8 de xuño, para que a cidadanía "alce a voz" contra a "corrupción" e a "putrefacción" que, ao seu xuízo, rodea o xefe do Executivo, Pedro Sánchez. Ademais, retou aos socios de Goberno a presentar unha moción de censura e reiterou que el está a "disposición".

"O PSOE, o Goberno e a familia máis directa do presidente están rodeados de corrupción. Todas as persoas da súa confianza están imputadas ou sinaladas", declarou Feixoo nunha comparecencia sen preguntas na sede do PP.

Tras asegurar que o mandato de Sánchez está en "fase terminal", avisou que canto máis se resista, "máis será a humillación con que se irá", recalcando que as accións que se están coñecendo para buscar a "impunidade" ante os presuntos casos de corrupción é algo "incompatíbel" coa igualdade e cun sistema democrático. Así, a parte de anunciar unha protesta o día 8 en Madrid, avanzou unha ofensiva do PP a nivel político, xudicial e parlamentario. "Isto xa vai de decadencia ou limpeza, mentiras ou integridade, cloacas ou decencia. Democracia ou mafia", aseverou.

Feixoo avisou aos socios de Pedro Sánchez de que "a gravidade" do que está a ocorrer "transcende calquera conxuntura" e "pon a proba a integridade dun país enteiro". Por iso, dixo aos socios de Sánchez que está a disposición para impulsar unha moción de censura.

"A moción de censura para sacar a Sánchez da Moncloa non depende da miña vontade. Eu téñoa toda, senón de quen lle dea soporte parlamentario", dixo, para engadir que se queren "acabar con isto, o PP está a disposición" e se non o fan serán "cómplices desta degradación" e os cidadáns "non o esquecerán".

Feixoo –que xa convocou cinco manifestacións contra a lei de amnistía e os pactos de Sánchez cos independentistas por romper a igualdade dos españois– animou  saír de novo ás rúas de Madrid o vindeiro domingo 8 de xuño. Trátase, dixo, de evidenciar o "rexeitamento a un Goberno que ataca a xuíces e a fiscais, que persegue á Garda Civil, a xornalistas e que non só urdiu unha trama de corrupción para servirse do que é de todos, senón tamén outra para tentar tapalo con chantaxes e ameazas mafiosas", segundo dixo.