A Faixa de Gaza despide 2025 sumando 70.668 mortes no "peor ano da historia"

Despedida esta terza feira do corpo de Muhammad Bakr, pescador de 35 anos asasinado por fogo israelí contra barcos pesqueiros na costa de Gaza. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA)
A poboación que aínda vive en territorio gazatí atópase ao límite. Sen vivendas e coa alimentación escasa, os habitantes teñen que convivir cos ataques do Exército israelí. Desde a Galiza, o presidente da Asociación galaico-árabe Jenin, Sami Ashour, pídelle máis contundencia ao Estado español e á UE.

Remata 2025, o ano da tregua en Gaza e do "plan de paz" auspiciado polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Ambas as dúas iniciativas seguen sen dar os seus froitos polos persistentes ataques do Exército israelí  que, sumados aos impedimentos para que chegue axuda humanitaria á zona, provocan que aumente cada día a cifra de mortes na Faixa. Son xa 70.668 as persoas asasinadas e o territorio ten 70% da súa infraestrutura civil destruída, segundo o seu Ministerio de Sanidade

Alén diso, máis de medio millón de persoas en Gaza sofren agora mesmo situación de fame negra, caracterizada pola inanición xeneralizada, a indixencia e a morte evitábel, segundo un informe sobre seguridade alimentaria que publicou o pasado mes de agosto a Organización das Nacións Unidas (ONU). Este mesmo organismo sinalou que 90% da poboación civil da Faixa sufriu desprazamentos forzosos durante o que está a piques de rematar.

O ano das negociacións

As negociacións para parar a ofensiva israelí -nas que interviñeron Estados Unidos, Exipto e Qatar- deron como resultado unha primeira tregua anunciada o 15 de xaneiro que incluía o intercambio de reféns israelís por prisioneiros palestinos, ademais dun retiro militar israelí progresivo de Gaza. 

Pola contra, ese mesmo mes, o primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, prohibía a actividade da Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina (UNRWA) nos territorios palestinos. A tregua rematou en marzo, cando Israel cortou a entrada de axuda humanitaria á Faixa de Gaza e intensificou os bombardeos contra a súa poboación. 

Nesta situación, a fame estivo cada vez máis presente e as denuncias polo impedimento de entrada de alimentos aumentaron. En maio, até 17 países da Unión Europea (UE) solicitaron revisar o Acordo de Asociación con Israel. No propio Tel Aviv, capital israelí, vivíronse protestas masivas contra a cúpula do Goberno de Netanyahu exixindo o cesamento das hostilidades e pedindo eleccións. Cando as negociacións semellaban estar en punto morto, a finais de setembro Donald Trump anunciaba un plan integral que viu a luz en outubro e que foi asinado por ambas as dúas partes.

O pacto recuperaba a proposta da liberación de reféns na Faixa de Gaza, o cesamento dos ataques de Israel e a retirada do seu Exército, xunto á desmilitarización de Hamás. Malia este plan, as autoridades gazatíes seguiron denunciando ataques e informaron de que 405 persoas foron asasinadas neles. 

"O peor ano da historia"

“Este ano foi o peor de toda a historia recente de Palestina, tendo en conta que levamos resistindo unha ocupación de case 78 anos”, asegura a Nós Diario o presidente da Asociación galaico-árabe Jenin, Sami Ashour. Remítese á destrución masiva da Faixa de Gaza e ao número de persoas que perderon a vida, aos feridos e aos desprazados e "á tortura colectiva que sofre a poboación". Ademais, entende que Israel está a "xogar coa alimentación en Gaza como un arma adicional” impedindo a entrada de alimentos á zona e, cando os deixa pasar, “tardan meses e chegan xa caducados, é unha deshumanización total da nosa poboación”.

Ashour non considera “plan de paz” a proposta de Trump. “É, como moito, o cesamento do fogo unilateral por non estar negociado con ninguén”, sinala. Con todo, a expectativa do pobo palestino é "que pare a guerra, algo que non sucedeu”, asegura. 

Do Estado español e a Unión Europea, Ashour agarda “a xustiza e os dereitos humanos, mais parece que son diferentes para uns e para outros”. Por iso cre que hai diferente trato “segundo sexa a raza ou a relixión”, algo que considera “lamentábel e engade máis dor ao que xa temos”. Por este motivo, a sensación que ten a poboación da Faixa de Gaza é que a UE "se levantou ante o conflito en Ucraína con moitas sancións inmediatas contra Rusia e facilitando armamento e, pola contra, non se lembra de nós", opina. Malia recoñecer o papel do Estado español, para Ashour "non chega ao mínimo do que debería facer".

Trump e Netanyahu

Na última reunión deste ano entre Trump e Netanyahu realizada na residencia do primeiro en Mar-A-Lago, no estado de Florida, o estadounidense incidiu en que Hamás debía desarmarse para poder comezar a segunda fase do plan, a de reconstrución. Ademais eloxiou a Benjamin Netanyahu sinalando que teñen unha relación “extraordinaria” e que sen el como “home forte” posibelmente “non habería Israel agora”.

Por iso, Trump pediu o indulto para Netanyahu, que o vindeiro ano terá que render contas ante a xustiza israelí, que podería inhabilitalo ou decidir a súa entrada en prisión polos delitos de suborno e fraude polos que se atopa imputado.

Exixen que o Estado español non compre armas a Israel

O ministro español de Transformación Dixital e Función Pública, Óscar López, defendeu onte o bloqueo da compra de material de defensa a empresas israelís despois de que se concedese unha excepción con Airbus.  Neste sentido, lembrou que o Goberno español bloqueou máis de 200 operacións desde que entrou en vigor o embargo a Israel.

Precisamente, o último Consello de Ministras e Ministros do ano aprobou  a excepción para Airbus con "fins industriais". O acordo permite, segundo explicou a ministra de Defensa, Margarita Robles, que a empresa continúe importando materiais de Israel para proxectos concretos de aviación.

O BNG exixe rectificar

Onte, o BNG denunciou esta decisión, que considerou, a través dun comunicado, “contraria aos compromisos asumidos coa paz e coa causa palestina”. A formación nacionalista advertiu que “vai en contra do sentir maioritario da cidadanía, que reclama a fin de calquera colaboración militar co Estado sionista de Israel mentres continúe co exterminio e a vulneración dos Dereitos Humanos”.

Neste sentido, o deputado Néstor Rego lembrou que o BNG foi unha das forzas políticas impulsoras do embargo de armas a Israel e exixiu que este se aplique sen excepcións.