Entra en vigor o cesamento do fogo: Israel comeza a repregar as súas tropas en Gaza

Unha columna de fume elévase no campo de Nusairat tras un ataque israelí este 9 de outubre malia o acordo para un cesamento do fogo. (Foto: Europa Press / Contacto / Omar Ashtawy)
En marcha a primeira fase do plan de paz, que inclúe o regreso dos prisioneiros retidos.

O exército israelí iniciou esta sexta feira a retirada parcial das súas tropas até a liña inicial de repregamento acordada no plan de cesamento do fogo en Gaza, segundo avanzou o diario Haaretz. Pasado o mediodía, as Forzas de Defensa de Israel confirmaron que o cesamento do fogo entrara en vigor ás 12 horas. 

Este primeiro retroceso suporá librar de militares israelís menos da metade do territorio, abrindo paso cara ao cumprimento doutro dos pactos alcanzados, o regreso dos reféns secuestrados. Así, nos próximos días espérase a liberación dos últimos 48 reféns que seguen retidos na Faixa de Gaza. A seguir, será Israel quen libere uns 2.000 prisioneiros palestinos.

O repregamento do Exército israelí comeza tras a ratificación por parte do Goberno de Benjamin Netanyahu, na madrugada desta sexta feira, do acordo formulado por Trump para Gaza e após senllos ataques, tamén de madrugada, tanto no norte como no sur da Faixa. "O Goberno aprobou agora o esquema para a liberación de todos os reféns, tanto vivos como mortos", anunciou a oficina de Netanyahu nunha breve publicación na rede social X.

O mandatario israelí destacou o avance como "un acontecemento transcendental" polo que o seu Goberno estivo " loitando durante dous anos". "Un dos principais obxectivos bélicos é recuperar os reféns. Todos os reféns, tanto vivos como mortos. E estamos a piques de logralo", celebrou.

Así mesmo, deu as grazas ao presidente de Estados Unidos, Donald Trump, ao seu enviado a Israel, Steve Witkoff, e ao asesor e xenro de Trump, Jared Kushner, aos que agradeceu poñer os seus "cerebros" e os seus "corazóns". "Iso, e o valor dos nosos soldados que entraron en Gaza, exerceron unha presión militar e diplomática combinada que illou Hamás", argumentou.

Votos en contra

A votación do gabinete atrasouse máis de tres horas debido ás discrepancias do ministro de Seguridade Nacional, o ultradereitista Itamar Ben Gvir, sobre a liberación de presos palestinos convictos durante unha reunión previa con altos mandos da Intelixencia israelí.

De feito, pouco antes de se aprobar o acordo, Ben Gvir confirmou a través de redes sociais que ía votar en contra xunto co ministro do seu partido, Otzma Yehudit, xa que a liberación de "miles de terroristas" é un "prezo insoportábel a pagar".

"Nas conversas que mantiven co primeiro ministro nos últimos días, deixeille claro que baixo ningunha circunstancia formarei parte dun goberno que permita que Hamás siga gobernando en Gaza. Isto é unha clara liña vermella. O primeiro ministro comprometeuse comigo a que así sexa", indicou.

Cesamento do fogo

Segundo confirmou con anterioridade a portavoz do Executivo israelí, Shosh Bedrosian, está previsto que o cesamento do fogo entre en vigor 24 horas despois da aprobación do gabinete, coa apertura posterior dunha xanela de 72 horas para a liberación dos reféns que seguen secuestrados no enclave.

En concreto, o plan de Trump inclúe a entrega dos 20 reféns que seguen vivos, así como doutros 28 corpos de secuestrados. A cambio, as autoridades israelís liberarán a 250 presos palestinos condenados a cadea perpetua e máis de 1.700 gazatís detidos tras o 7 de outubro de 2023, incluíndo menores.