O Exército de Israel anuncia "preparativos operativos" para un repregamento de tropas na Faixa de Gaza mentres continúa cos bombardeos

Vehículo militar israelí na fornteira coa Faixa de gaza en Sderot. (Foto: Europa Press / Contacto / Gil Cohen Magen)
Asegura que as súas forzas pasarán a "liñas de despregamento axustadas proximamente" e que seguen preparadas para "calquera acontecemento".

O Exército de Israel anunciou esta quinta feira o inicio de "preparativos operativos" para proceder a un repregamento das súas tropas na Faixa de Gaza, despois de que o Goberno israelí e o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás) alcanzasen un acordo para aplicar a primeira fase do plan para o futuro do enclave proposto polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.

"Tras as instrucións por parte do elo político e en liña coa análise da situación, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) iniciaron os preparativos operativos previos á aplicación do acordo", sinalou o exército a través dun comunicado publicado na súa conta na rede social X.

"Como parte deste proceso, están a levarse a cabo os preparativos e un protocolo de combate para a transición a liñas de despregamento axustadas proximamente", apuntou, antes de insistir en que "as FDI continúan despregadas na zona e preparadas para calquera acontecemento a nivel operativo".

O comunicado foi publicado pouco despois de que medios palestinos informasen sobre un ataque con artillería contra o campamento de refuxiados de Nuseirat (centro), sen que por agora haxa informacións sobre vítimas e sen que o Exército israelí se pronunciase ao respecto.

A poboación local espera que o cesamento do fogo acordado polas partes, segundo o anuncio realizado polo presidente dos Estados Unidos, sexa unha realidade a partir do mediodía destaq quinta feira, hora local –as 11 na Galiza–. A partir de entón, esperan confirmar tamén avances en materia de mobilidade e acceso a alimentos e axuda humanitaria.

Un novo acordo dous anos despois

Donald Trump desvelou na súa conta na rede Truth Social que as partes aceptaron a súa proposta tras as negociacións indirectas dos últimos días en Exipto, tras o que o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, falou de "un gran día para Israel" e anunciou que o seu Executivo reunirase hoxe para asinar o acordo. Pola súa parte, Hamás confirmou "un acordo para poñer fin á guerra en Gaza, retirar a ocupación, permitir a entrada de axuda humanitaria e intercambiar prisioneiros".

A ofensiva israelí contra a Faixa, lanzada tras os ataques do 7 de outubro de 2023, deixou até a data perto de 67.200 palestinos mortos –entre eles 460, incluídos 154 crianzas, por fame e desnutrición– segundo as autoridades gazatís, no medio das críticas internacionais sobre as accións do Exército de Israel, especialmente arredor do bloqueo á entrega de axuda, que levou a que o norte de Gaza fose declarado como zona de fame negra.