Que pasa co acordo UE-Estados Unidos? A Eurocámara suspende sen data a súa ratificación
O Parlamento Europeo decidiu suspender a tramitación do acordo comercial entre a Unión Europea e Estados Unidos ante a incerteza xerada pola última quenda de aranceis anunciada por Donald Trump. A votación queda no aire até que Washington aclare o impacto das medidas sobre as exportacións europeas.
O Parlamento Europeo decidiu, finalmente, aprazar sen data a tramitación do acordo comercial entre a Unión Europea e Estados Unidos, que fixaba un teito máximo de 15% para os aranceis estadounidenses sobre as compras europeas, a cambio de que a UE renunciase a adoptar represalias. Desta forma, a ratificación do pacto queda no aire até que a Administración Trump aclare o impacto para os 27 da última quenda de aranceis globais anunciada esta fin de semana.
“A situación é agora máis incerta que nunca. Isto contradí a estabilidade e previsibilidade que buscabamos lograr co Acordo de Turnberry”, explicou o presidente da comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo (INTA), o alemán Bernd Lange, tras a suspensión acordada polos coordinadores dos grupos parlamentarios. Lange aclarou que esta decisión “non significa que nunca se vaia votar” a adopción do acordo que supuxo unha tregua entre Washington e Bruxelas, pero si que queda en suspenso mentres os eurodeputados —que antes de adoptar esta medida reuníronse a porta pechada co comisario de Comercio, Maroš Šefčovič— non reciban “claridade” sobre o grao de compromiso de Estados Unidos co pacto negociado.
Os eurodeputados reaccionan así ao anuncio dunha nova quenda de aranceis indiscriminados do 15% anunciados polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, para gravar as importacións do exterior. Isto prodúcese despois de que o Tribunal Supremo estadounidense anulase o 20 de febreiro os aranceis globais que estaban en vigor, ao considerar que Trump se extralimitara nas súas funcións.
Na práctica, os novos aranceis de 15% que a Casa Branca pode impor durante un máximo de 150 días súmanse aos que o país xa aplica en base ao principio de Nación Máis Favorecida (NMF). A Eurocámara teme que isto eleve os gravames sobre as importacións europeas por enriba do limiar de 15% pactado para a UE no verán. Segundo advertiu Lange, produtos como o queixo poderían afrontar aranceis de até o 30%.
“Ninguén sabe que pasará despois” do prazo de 150 días, insistiu o presidente de INTA, quen denunciou a situación de “incerteza” creada e o feito de que “ninguén sabe se haberá novas medidas ou se Estados Unidos vai garantir que o acordo coa UE será respectado”. A votación na comisión europarlamentaria —primeiro paso para a ratificación por parte da Eurocámara das dúas leis que a UE debe aprobar para cumprir coa súa parte do acordo— queda así aprazada por segunda vez. O voto estaba previsto inicialmente para xaneiro, pero xa se adiara polas ameazas de Trump de impor aranceis a un grupo de países europeos por participar en exercicios militares con Dinamarca en Groenlandia.
Tras superarse esa primeira crise, cando Estados Unidos retirou a ameaza contra os países europeos, a votación fora reprogramada para este 24 de febreiro, unha data que finalmente tamén foi retirada tras o acordo dos grupos parlamentarios.