Os Estados Unidos reducirán a súa presenza militar en Europa, segundo confirmou a OTAN
O Goberno dos Estados Unidos comunicou aos Estados da OTAN a súa vontade de reducir a curto prazo o seu despregamento militar en Europa, segundo confirmou a propia alianza atlántica, despois de que o Goberno de Romanía aludise en concreto a un potencial recorte no flanco oriental.
Un portavoz da OTAN confirmou o cambio na postura estadounidense no continente e, aínda que non detallou as cifras deste repregamento ou que Estados aliados se verán afectados, explicou que Washington informou previamente á alianza e que os contactos son constantes para garantir que o bloque ten unha capacidade "robusta" de disuadir e defender.
Desde a organización militar quitan ferro á decisión dos Estados Unidos, apuntando que é "non é inusual" que o Pentágono faga axustes na súa presenza militar en Europa e subliñando que, mesmo co recorte de tropas previsto, o continxente norteamericano seguirá sendo maior que o que tiña antes de 2022.
Escalada belicista desde Asia
O anuncio estadounidense chega unha xornada despois de que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, declarara esta terza feira que os EUA "non se deterán ante nada" para garantir a súa propia defensa.
"Á hora de defender os Estados Unidos, xa non somos politicamente correctos. Imos defender o noso país da maneira que sexa necesaria", declarou ante o persoal militar na base estadounidense da cidade xaponesa de Yokosuka.
Así se pronunciou o presidente dos Estados Unidos nun momento no que ex altos cargos militares están advertindo de que os EUA e a China están a un paso en falso da guerra, como é o caso de Eric Rosenbach, ex subsecretario estadounidense de Defensa, nunha análise publicada a pasada semana en The New York Times.
"Se estamos en guerra, imos gañar. Imos gañala como ninguén o fixo antes. Iriamos e bombardeariamos países ao carallo", agregou. Durante o seu discurso, uníuselle a primeira ministra do Xapón, Sanae Takaichi, quen agradeceu ás tropas estadounidenses a súa "dedicación á paz na rexión".