Estados Unidos insiste na extradición de Assange cun novo recurso xudicial

A familia de Assange tras visitalo en xuño no cárcere de Belmarsh (Foto: Dominic Lipinski / PA Wire)
Amnistía Internacional insta a Joe Biden a retirar os cargos contra el.

Amnistía Internacional (AI) reclamou esta terza feira, 10 de agosto, ao presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, que sexan retirados os cargos contra o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, polos que Washington reclama a súa extradición desde o Reino Unido.

O Tribunal Superior de Londres acollerá esta cuarta feira unha vista preliminar sobre o recurso que presentou a xustiza estadounidense contra a decisión da corte británica de rexeitar o traslado de Assange ao considerar que existe risco de suicidio.

"Este intento do Goberno estadounidense para que o tribunal mude a súa decisión [...] alegando novas garantías diplomáticas é un descarado xogo de prestidixitación xurídica", para tratar de reverter un ditame sustentado basicamente na delicada saúde mental de Assange, afirmou nun comunicado AI.

"Dado que o Goberno estadounidense se reservou o dereito de recluír a Julian Assange nun centro de máxima seguridade e de sometelo a medidas administrativas especiais", Washington ofrece garantías "pouco fiábeis", sinalou o director de AI para Europa, Nils Muiznieks.

Por este motivo, solicitou que a apelación sexa desestimada e instou a Biden a "aproveitar a oportunidade" e retirar uns cargos que considera "de motivación política". Cargos que, segundo Muiznieks, "sentaron no banco á liberdade de prensa e a liberdade de expresión"..

175 anos de cárcere

A xustiza británica decidiu en xaneiro non extraditar a Assange, sobre o que pesan 18 cargos por espionaxe e intrusión informática que lle poden supor até  175 anos de cárcere en EUA.

As revelacións de WikiLeaks sacaron á luz segredos sobre as accións estadounidenses no Iraq e no Afganistán, información acerca das detencións extraxudiciais na prisión de Guantánamo (na illa de Cuba) e cables diplomáticos que desvelaron abusos de dereitos humanos en todo o mundo.

O activista australiano permanece recluído na prisión de alta seguridade de Belmarsh, no sueste de Londres, dado que a xuíza Vanessa Baraister denegou a petición de liberdade condicional mentres se dirime a apelación presentada por EUA. 

Assange "aínda non gañou o seu caso", advertiu a maxistrada no momento de ditar sentenza. "Por xustiza, EUA debe poder cuestionar o meu ditame, e se Assange foxe durante o proceso, perderá a oportunidade de o facer", sostivo a xuíza, que denegou a extradición por motivos de saúde mais rexeitou previamente o resto de argumentos presentados pola defensa.