O Estado español non estará na Xunta da Paz de Trump

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta sexta feira. (Foto: Borja Puig de la Bellacasa / Europa Press)
A UE dille aos EUA que apoia a súa inciativa.

O presidente do Consello Europeo, António Costa, anunciou esta sexta feira que os Estados membros da Unión Europea teñen "serias dúbidas" sobre a Xunta da Paz para Gaza proposta polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, en asuntos como "a compatibilidade" coa Carta de Nacións Unidas. O portugués afirmou que, non obstante, a Unión Europea está "preparada" para traballar con Estados Unidos na implantación da paz en Gaza. "Temos serias dúbidas sobre varios elementos dos estatutos da Xunta de Paz relacionados cos seus ámbitos de actuación, a súa gobernabilidade e a súa compatibilidade coa Carta de Nacións Unidas", indicou. Porén, Costas engadiu que os 27 Estados están dispostos a colaborar con Estados Unidos na aplicación do Plan de Paz Integral para Gaza, cunha Xunta de Paz "que leva a cabo a súa misión como administración de transición", de conformidade cos resolución sobre este asunto do Consello de Seguridade de Nacións Unidas.

Pola súa parte, o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou na quinta feira que "ten dereito" a seguir dirixindo a Xunta de Paz de Gaza máis alá do seu segundo mandato na Casa Branca e, incluso, "de por vida". "Teño dereito a selo se quero", respondeu ao ser preguntado acerca de se considera presidir o órgano deseñado polo seu Executivo aínda cando se esgoten os anos da 47ª Administración estadounidense. Trump apuntou que "en teoría é de por vida, pero non estou seguro de querelo".

Sánchez asegura que non vai participar na Xunta

O presinte do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou que o Estado español decidiu non participar na Xunta de Paz para Gaza por "coherencia", sinalando que a iniciativa "está fóra do marco de Nacións Unidas" e "non inclúe á Autoridade palestina". Sánchez defendeu o compromiso do seu Goberno "coa orde multilateral, co sistema de Nación Unidas e co dereito á liberdade". "O futuro no seu conxunto de Palestina deben dirimilo os palestinos", afirmou o presidente, que solicitou que non "nos esquezamos" de Cisxordana . Aliás, Sánchez apuntou que o fin do xenocidio en Gaza pasa pola "coexistencia pacífica e segura con Israel", que debe dirimilo a súa vez con Palestina "nun proceso de diálogo".