O Estado español fixo 88 envíos de armas e material militar a Israel desde o comezo do xenocidio en Gaza

Pedro Sánchez, presidente do Estado español, o 7 de maio de 2025 antes de intervir no Congreso, en Madrid, a capital española. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Sánchez criticou as "imprecisións" dos datos sobre transferencias de armas das ONG.

Desde o comezo do xenocidio que está a perpetrar Israel no territorio palestino da Faixa de Gaza en outubro de 2023 e até o 31 de marzo de 2025, producíronse 88 envíos de armas e material militar desde o Estado español ao réxime israelí por valor de 5,3 millóns de euros, desvelou a cuarta feira o informe Beneficio colateral. Relacións armamentísticas entre España e Israel desde o 7 de outubro de 2023, presentado en Madrid, a capital española, polo Centro Delàs de Estudos pola Paz.

A metade dos envíos, recollidos nos datos oficiais de importacións do Estado sionista, corresponden á categoría  “armas de guerra”, e o resto á de “revólveres e pistolas”, “bombas, granadas, torpedos, minas, mísiles, cartuchos e demais municións e proxectís” ou “armas longas e pistolas de resorte, aire comprimido ou gas, porras”.

Ao respecto das importacións de armas de Israel, ao Estado español chegaran até o 28 de febreiro produtos categorizados como “armas e municións” por máis de 15 millóns de euros, e 21,6 millóns de “carros e automóbiles blindados de combate, incluso armados, partes”.

Aínda que o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), rexeitou a existencia dalgunha “operación de compravenda de armas a Israel”, o documento constata que, após o inicio do xenocidio, as relacións armamentísticas “son máis vivas, abundantes e lucrativas que nunca”

A finais de abril, e logo de que o Goberno español anulara un contrato coa industria de guerra israelí, a entidade certificou que tras comezar o xenocidio institucións do Estado concederon 46 adxudicacións a empresas armamentísticas israelís por valor de 1.044 millóns de euros.

Xa no Congreso, no que, entre outras cuestións, Sánchez abordou a suba de 10.400 millóns de euros de gasto militar neste exercicio, o mandatario criticou as “imprecisións, repeticións e interpretacións absolutamente erróneas” dos datos sobre transferencias de armas con Israel ofrecidos por organizacións non gobernamentais (ONG), nunha intervención na que defendeu a alza.

Á vez, o líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, reclamou que o incremento sexa votado no lexislativo, mentres que Néstor Rego, do Bloque Nacionalista Galego (BNG), cuestionou o “inevitábel desvío para armamento de recursos que poderían e deberían servir para fortalecer as políticas sociais e os servizos públicos”.

Asemade, Gabriel Rufián, voceiro de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), recriminou que máis gasto militar implica converter Europa nunha “colonia” estadounidense, Mertxe Aizpurua, de EH Bildu, sostivo que só beneficia ás “elites reaccionarias”, Junts aseverou que so apoiará entregar fondos a un Exército “noso” por medio de Míriam Nogueras e Maribel Vaquero, do Partido Nacionalista Vasco (PNV), demandou “máis transparencia”.

En paralelo, unha resolución do Parlamento Europeo aprobada por 317 votos a favor, 206 en contra e 123 abstencións insta a elevar o gasto militar mais sen comprometer o gasto social e medioambiental nos próximos orzamentos da Unión Europea (UE), os do período 2028-2034. 

Parlamento da Galiza

O PP e o Partido dos Socialistas de Galicia (PSdG) sumaron a cuarta feira os seus votos no Parlamento galego para rexeitar a proposición non de lei presentada polo BNG e na que se demandaba da Cámara galega mostrar a súa oposición á proposta da Comisión Europea de constituír un fondo de 800.000 millóns de euros para destinar a gastos de defensa, así como avalar a disolución da OTAN ou "condenar o terrorismo de Israel".

Montse Prado (BNG) defendeu a necesidade de “apostar pola vía do diálogo e a negociación para a paz e para propiciar un novo contexto de estabilidade e relacións de boa veciñanza en Europa e no mundo”, á vez que criticaba o papel dos Estados Unidos e a UE como actores en diferentes conflitos internacionais. 

Nese sentido, Paloma Castro (PSdeG) dixo que “hai que cumprir os compromisos europeos”, entre eles o aumento do gasto militar até 2%, e lamentou que a proposta do BNG falase de “imperialismo estadounidense mais non do imperialismo ruso ou chinés”.