Eslovaquia e Hungría acordan construír un novo oleoduto de 127 quilómetros

Viktor Orbán e Robert Fico. (Foto: Álek Václav / CTK / DPA)
A infraestrutura poderá transportar 1,5 toneladas de combustíbel ao ano.

Rusia asegurou esta cuarta feira que non recibiu de momento "sinais" por parte dos países europeos sobre unha posíbel continuación do diálogo sobre cooperación enerxética despois de que os EUA levantaran parcialmente algunhas das sancións ao cru ruso para paliar os efectos da ofensiva contra Irán sobre o custo do petróleo.

Neste contexto, ao longo desta semana, Hungría e Eslovaquia acordaron construír un oleoduto que transporte produtos derivados do petróleo, como gasolina e diésel, unha medida que busca mellorar a subministración de combustíbeis entre estes dous países, salientaron os Gobernos.

Trátase dun oleoduto que conectará a refinaría de Százhalombatta, unha das plantas industriais estratéxicas máis importantes de Hungría, coa de Bratislava, a capital eslovaca. A construción, cuxa finalización está prevista para o primeiro semestre de 2027, terá 127 quilómetros de lonxitude e poderá transportar 1,5 millóns de toneladas de gasolina e diésel ao ano.

O ministro de Exteriores húngaro, Peter Szijjarto, indicou que o oleoduto "fará que tanto Hungría como Eslovaquia estean moito máis protexidas fronte a chantaxes" como a que sofren "por parte dos ucraínos co apoio de Berlín e Bruxelas". Así, referiuse ao bloqueo do tránsito de petróleo ruso a través do oleoduto Druzhba.

"As recentes interrupcións na subministración de petróleo na rexión demostraron a vulnerabilidade da infraestrutura enerxética e a necesidade de diversificar as rutas e fontes de subministración", sinalou pola súa parte o Ministerio de Enerxía eslovaco.

Todo isto mentres que o portavoz do Ministerio de Asuntos Exteriores de Ucraína, Heorhi Tiji, dixo esta cuarta feira non saber nada da misión da Unión Europea anunciada para o oleoduto Druzhba.