Entre o recoñecemento das dificultades e o traballo contra o bloqueo: Cuba ante a "agresión brutal" dos EUA
As autoridades cubanas non esconden que a "agresión brutal" do bloqueo estadounidense contra a illa provoca un escenario "duro". "As recentes medidas anunciadas polo goberno son un reflexo da magnitude da crise provocada: suspensión da venda de combustíbel en moeda nacional, conxelamento dunha parte importante do transporte interno, maior racionamento enerxético, ciclos escolares interrompidos etc.", explica a Nós Diario o xornalista cubano José Ernesto Nováez Guerrero.
Neste contexto, tras o envío de axuda humanitaria de México e os esforzos diplomáticos anunciados por Rusia para superar a situación, o Goberno chinés reiterou onte o seu "firme apoio" a Cuba e criticou a "interferencia estranxeira" e as "prácticas inhumanas" dos EUA. "China dará, como sempre, apoio e asistencia, dentro das nosas capacidades", dixo o portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, Lin Jian.
A raíz da recente Orde Executiva anunciada pola Administración dos EUA o pasado 29 de xaneiro para castigar a todo país que venda petróleo a Cuba, "a situación na illa foise complexizando", sinala Nováez Guerrero. "Mentiría se digo que todo está ben, mais tamén mentiría se digo que se impuxo o desánimo", acrecenta o cubano.
"Hai reservas de combustíbel e hai unha xeración con fontes solares que vai crecendo. Todo iso permitiu que os niveis de cortes eléctrico até o de agora non empeorasen substantivamente. Búscanse opcións e debátese moito sobre solucións colectivas. Tamén se fortalecen as redes solidarias", destaca.
"O que non calibraron nunca adecuadamente os norteamericanos é o tremendo pulso moral do pobo cubano. Dígoo sen chovinismo. Estou seguro de que sairemos adiante. E confío na solidariedade dos pobos irmáns", conclúe o xornalista.
Precisamente, o BNG, Bildu, ERC, Sumar, Podemos, Compromís e Coalición Canaria presentaron no Congreso español unha iniciativa conxunta "contra as medidas de coerción e las inxerencias dos Estados Unidos".
"Cuba é obxecto dun bloqueo económico, comercial e financeiro imposto de maneira unilateral, sen respaldo das Nacións Unidas, que vulnera os principios de igualdade soberana dos Estados", sosteñen desde as forzas que presentaron a iniciativa.
Situación da aviación
A Empresa Cubana de Navegación Aérea comunicou que continúa prestando servizos "a pesar das circunstancias", despois de que a Administración Federal da Aviación dos EUA advertira do esgotamento do combustíbel para avións A1, o máis utilizado para voos comerciais, nos aeroportos internacionais de Cuba.
"Ante a actual situación que vive o noso país, desde a Empresa Cubana de Navegación Aérea S. A. reiteramos o noso firme compromiso coa conectividade aérea e o desenvolvemento da nación. Queremos informar á nosa comunidade, usuarios e clientes que, a pesar das circunstancias, mantemos os nosos servizos operativos as 24 horas do día, os sete días da semana", transmitiu.