Dous de cada tres groenlandeses apoian a independencia da illa
Os groenlandeses non queren ser daneses nin estadounidenses. Dous de cada tres cidadáns da illa apostan pola independencia. O apoio ao movemento nacionalista non deixa de medrar nos últimos anos.
A proposta do mandatario estadounidense, Donald Trump, de facerse con esta illa pertencente a Dinamarca pero situada no continente americano non gustou á poboación de Groenlandia.
As palabras de Trump de considerar de "absoluta necesidade" que Estados Unidos se faga con Groenlandia "para os fins da seguridade nacional e a liberdade en todo o mundo" non tardaron en ser respondidas polas autoridades da illa.
O presidente do Goberno autonómico de Groenlandia, o nacionalista Mute Egede, afirmou que a “illa non está en venda nin nunca o estará”. Na mesma liña, manifestáronse os seus parceiros no Executivo da formación socialdemócrata Siumut.
Independencia de Groenlandia
Egede aproveitou o seu discurso de fin de ano para pór en primeiro plano a cuestión da independencia de Groenlandia, un territorio con abondosas reservas de gas, petróleo e terras raras, que mantén unhas relacións privilexiadas con China.
O mandatario groenlandés apostou por dotar a illa dun Estado propio e rachar a súa dependencia de Dinamarca, país ao que pertence desde 1814 tras séculos de colonialismo noruegués.
"Chegou o momento de que o noso país dea o seguinte paso”, indicou Egede, quen indicou que "do mesmo xeito que outros países do mundo, debemos traballar para eliminar os obstáculos á cooperación, que podemos describir como os grillóns do colonialismo, e avanzar".
"A historia e as condicións actuais”, continuou Egede, “amosaron que a nosa cooperación co reino de Dinamarca non logrou crear unha igualdade plena". Precisamente, esta percepción de agravio está detrás do importante avance do nacionalismo.
As sondaxes
As enquisas publicadas nos últimos anos deixan claro o apoio maioritario da poboación da illa á causa da independencia. Tanto é así, que todas as sondaxes publicadas no último ano sinalan que dous de cada tres groenlandeses apoian a constitución dun Estado propio.
O sentimento nacionalista veuse impulsado, ademais, nos últimos anos coa descuberta de importantes reservas de hidrocarburos e minerais como consecuencia do cambio climático.
Os groenlandeses acudirán ás urnas en abril para elixir un novo parlamento onde se d por certa unha vitoria ampla das forzas nacionalistas do Ataqatigiit de Egede e dos seus parceiros Siumut. Porén, a convocatoria dun referendo de independencia aínda semella lonxe.