Trump presenta en Davos a 'Xunta de Paz' que, segundo el, "podería substituír a ONU": que Estados que asinaron o documento?
O presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, asegurou esta quinta feira que o seu obxectivo é alcanzar "unha paz fermosa, duradeira e gloriosa" a escala global, nun acto no que o mandatario estadounidense fixo oficial o seu 'Consello de Paz'. "Imos ter paz no mundo", aseverou.
"Será unha paz fermosa, duradeira e gloriosa para esa rexión [Oriente Medio] e para todo o mundo, porque eu chamo ao mundo unha rexión. O mundo é unha rexión", afirmou o inquilino da Casa Branca, quen insistiu en que a súa iniciativa apunta a garantir a estabilidade en todo o planeta.
Trump chegou a afirmar que a Xunta de Paz impulsada por el mesmo e composta por quen el escolleu (e quixo aceptar a invitación, pois recibiu varias negativas en medio das tensións crecentes entre os EUA e outros Estados) "podería substituír a ONU", nunha afronta contras as Nacións Unidas e o diálogo entre os pobos do mundo que causou moitas críticas.
Estados asinantes
Ademais do presidente estadounidense, o documento foi asinado por representantes de 18 Estados: Bahrein, Marrocos, a Arxentina, Armenia, Acerbaixán, Bulgaria, Hungría, Indonesia, Xordania, Casaquistán, Kosovo (considerado parte de Serbia por boa parte da comunidade internacional), Paquistán, Paraguai,, Catar, Arabia Saudita, Turquía, Emiratos Árabes Unidos, Usbequistán e Mongolia.