Trump confirma que declarará o movemento antifascista como organización terrorista
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, confirmou esta cuarta feira que declarará como grupo terrorista o movemento antifascista, a pesar de que non se trata dunha organización con estruturas sólidas, líderes ou listaxes de membros, un extremo suxerido recentemente despois responsabilizar a "esquerda radical" do asasinato do activista do Movemento MAGA (Make America Great Again) Charlie Kirk.
"Compráceme informar aos nosos numerosos patriotas estadounidenses que vou designar antifa [un movemento descentralizado e composto de varios grupos á súa vez], unha organización enferma, perigosa, radical de esquerdas e desastre, como organización terrorista de gran importancia", sinalou o presidente dos EUA.
"Recomendarei encarecidamente que se investigue a fondo quen financia antifa, de conformidade coas normas e prácticas legais máis estritas", continuou Trump nunha medida que lembra os tempos do macartismo, entre 1950 e 1956, período no cal o senador republicano Joseph McCarthy (1908-1957) desencadeou un estendido proceso de persecución política con declaracións, acusacións infundadas, denuncias, interrogatorios, procesos irregulares e listaxes negras contra persoas sospeitosas de ser comunistas.
Tiroteo en Pensilvania
Entre tanto, os Estados Unidos de América rexistraron esta quinta feira un novo episodio de violencia con armas. Polo menos tres policías morreron e dous resultaron feridos nun tiroteo no condado de York, no estado de Pensilvania, mentres que o autor dos disparos letais tamén faleceu ao quitarse el mesmo a vida. Os axentes sobreviventes, que se dirixían ao lugar dos feitos para facer cumprir unha orde xudicial, atópanse hospitalizados, un deles en estado crítico.