A DINA que afecta València e Castela-A Mancha xa é o terceiro maior desastre natural da historia do Estado

Vehículos nos arredores da V-30 tras o paso da DINA e a subida do leito do río Turia. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
Até o momento, só a riada de Biescas (Huesca) de 1996, con 87 mortos, e a riada do Turia (València) de 1957, con 81 falecidos, superan o temporal que afecta Valècncia

A DINA (Depresión Illada en Niveis Altos) que está a afectar principalmente o País Valencià e Castela-A Mancha deixou até o momento un balance provisional de 63 mortos, 62 en València e outro máis en Cuenca, segundo os servizos de emerxencias. Estes datos colocan este desastre natural en terceiro lugar por número de falecidos tras a riada de Biescas (Huesca) en 1996 con 87 falecidos e a riada do Turia en 1957, na que perderon a vida entre 80 e 100 persoas.

O desastre natural que máis vidas cobrou no Estado foi a riada do cámping de Biescas, en Huesca. Ocorreu o 7 de agosto de 1996, cando unha crecida repentina do torrente de Arás arrasou o cámping La Nieves, provocando a morte de 87 persoas e deixando feridas máis de 187.

Pola súa parte, a riada de València en 1957 asolagou a cidade causando polo menos 81 mortos, miles de damnificados, ademais de cuantiosos danos materiais. De feito, este suceso marcou o devir e desenvolvemento de València, levando a cambiar en 1973 o leito do río Turia co fin de evitar que se repetise unha catástrofe da mesma magnitude.

Até o momento, a DINA que está a provocar innumerábeis danos no leste e sueste do estado cobrou a vida de 62 persoas no País Valencià, ademais da dunha muller de 88 anos en Cuenca, segundo os últimos balances provisionais dos respectivos servizos de emerxencia. Ademais, atópanse en paradoiro descoñecido seis persoas en Letur (Albacete) e outras varias en València.

De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) asegurou que esta DINA é a gota fría "máis adversa" do que vai de século no País Valencià, cun impacto e rexistros superiores á DINA de setembro de 2019 e á altura dos dous grandes temporais dos anos oitenta, o de outubro de 1982, a rotura do encoro de Tous que deixou polo menos 30 mortos; e o de novembro de 1987, con catro falecidos.

De Bilbao a Sevilla

Detrás desta DINA atópase, por número de vítimas, a riada de Bilbao do 26 de agosto de 1983, cando se desbordou o río Nervión a causa dun diluvio, afogando 34 persoas e arrasando a cidade vellaasí como as ribeiras doutros municipios limítrofes.

Así mesmo, en 1957 perderon a vida 34 persoas na illa da Palma, no que se coñece como a 'Traxedia do Llanito', cando un temporal percorreu o arquipélago canario e provocou choivas torrenciais. O desbordamento, ademais, destruíu multitude de casas e grandes hectáreas de cultivos.

Tampouco quedan lonxe a riada de Badaxoz de 1997 que deixou 25 falecidos e que provocou numerosos danos na capital pacense, ou a riada do Tamarguillo de Sevilla en 1961, lembrada pola traxedia da operación de rescate 'Crave', na que unha avioneta que acompañaba a unha caravana de auxilio enredouse cuns cables de alta tensión e precipitouse contra unha multitude, provocando a morte de 20 persoas e máis de 100 feridos.

Por baixo da cifra de 20 mortos os desastres naturais nas pasadas décadas son innumerábeis, aínda que entre os máis destacados atópase o terremoto de Lorca (Murcia) en 2011, no que un tremor de magnitude 5,1 provocou a morte de 9 persoas e deixou feridas a 324.

Cambio climático

Ademais dos incendios e ondas de calor que se produciron no Estado español, cada vez con máis asiduidade debido ao cambio climático, nos últimos anos houbo outros fenómenos naturais lembrados non tanto pola morte de persoas senón polo custo material, como foi a erupción do volcán da Palma de 2021, ou a nevada de Filomena, que afectou a extensas partes do Estado a principios dese mesmo ano.