O coronavirus tería entrado no Estado español a mediados de febreiro

O coronavirus tería entrado no Estado español a mediados de febreiro (Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
O coronavirus entrou no Estado español entre o 14 e o 18 de febreiro a través de múltiples lugares, segundo determina un novo estudo realizado no Instituto Carlos III de Madrid.  

Científicas conclúen nun novo estudo realizado no Instituto de Saúde Carlos III, en Madrid, que o coronavirus entrou no Estado español entre o 14 e o 18 de febreiro a través de múltiples lugares.

O estudo do xenoma completo do SARS-CoV-2, o virus que causa a enfermidada COVID-19, identificou tres grandes familias do virus que se estenden por todo o mundo: G, V e S.

As investigadoras obtiveron un total de 28 secuencias de xenoma completo, a partir de 14 mostras procedentes de Madrid, Valencia, Castela e León, Castela A Mancha, Andalucía, Euskadi e a Galiza. 

As análises revelaron que 26 secuencias están distribuídas nas familias G e S e dúas na V. A maioría das que pertencen á S sinalan que están relacionadas cun caso do día 1 de febreiro na cidade chinesa de Xangai e que o virus desa familia S se atoparía en España sobre o 14 de febreiro. En canto á G, que xurdiu en Europa dun caso de infección na Alemaña, estiman que estaba en Madrid sobre o 18 de febreiro. As científicas non puideron determinar a orixe da familia V en España.

Rastreo nas comunidades

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Estado español, Fernando Simón, sinalou que, antes de iniciar o desconfinamento débese  garantir que todas as Comunidades Autónomas teñan capacidade para detectar, isolar e rastrexar todos os casos e os seus  contaxios. Segundo o experto, esta situación poderíase cumprir en "ao redor de dúas semanas".

Para a desescalada Simón sinalou que a taxa de reprodución do virus, é dicir, o número de persoas que un infectado poida contaxiar, sexa inferior a un. Segundo os datos de 22 de abril o Estado está en 1 e a Galiza en 1,02.