A Comisión Europea culpa Rusia dunha interferencia no sistema GPS do avión no que viaxaba Ursula von der Leyen
Os servizos de navegación GPS do avión no que viaxaba a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, desactiváronse de súpeto cando a aeronave ía aterrar nun aeroporto búlgaro, unha situación que as autoridades atribúen a Rusia.
Segundo adiantou o Financial Times, as autoridades búlgaras informaron Bruxelas de que sospeitan que a interferencia sobre o sistema GPS do avión no que viaxaba a líder comunitaria foi perpetrada por Rusia.
"Podemos confirmar que se produciu unha interferencia no GPS, mais o avión aterrou sen incidentes, sinalou a portavoz comunitaria Arianna Podesta, quen recalcou que "este incidente subliña a urxencia da actual viaxe da presidenta" aos estados que fan fronteira con Rusia e Bielorrusia".
"Somos moi conscientes de que as ameazas e a intimidación son unha compoñente habitual das accións hostís de Rusia", afirmou tras as sospeitas expresadas polas autoridades búlgaras, que con todo non puideron probar nin asegurar que a orixe da suposta interferencia.
"Isto reforzará aínda máis o noso compromiso inquebrantábel de aumentar as nosas capacidades de defensa e o noso apoio a Ucraína", culminou a portavoz comunitaria tras a desactivación do GPS da aeronave na que viaxaba Von der Leyen.
O Kremlin nega a súa implicación
Pola súa parte, o Kremlin negou a suposta implicación de Rusia na manipulación do sistema GPS do avión. A reacción de Moscova chegou por boca do principal portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, que en declaracións ao Financial Times, o xornal que destapou o suceso, cualificou de "incorrectas" as informacións publicadas nas últimas horas que recollen as acusacións da Comisión Europea e do Goberno búlgaro.