Arde un petroleiro tras colidir cun buque mercante fronte á costa do Reino Unido

O petroleiro 'Stena Immaculate' accidentado esta segunda feira. (Foto: Bartek Smialek / PA Media / dpa)

Trasladadas á costa máis de 30 persoas no marco dos labores de busca e rescate.

Un petroleiro e un buque mercante colidiron esta segunda feira fronte ás costas do condado de Yorkshire do Leste, no leste do Reino Unido, segundo confirmou a Garda Costeira, que indicou que se activou unha operación de rescate na zona após o accidente, despois do cal se incendiou o petroleiro.

“A Garda Costeira está coordinando nestes momentos a resposta de emerxencia aos informes sobre unha colisión entre un petroleiro e un mercante fronte á costa de Yorkshire do Leste”, sinalou, antes de afirmar que o incidente tivo lugar arredor das 9.50 horas (hora local), segundo recolleu a cadea de televisión británica BBC.

Así, explicou que se enviaron ao lugar un helicóptero, un avión e varias embarcacións, ao tempo que “buques nos arredores con capacidade de loita contra incendios” están a se dirixir cara a zona. “O incidente está en marcha”, concluíu.

Posteriormente, a BBC informou de que cando menos 32 persoas foron trasladadas á costa no marco das operacións de rescate na zona, sen que haxa de momento máis detalles arredor do seu estado.

Os buques implicados no suceso son o Stena Inmaculate, un barco de transporte de petróleo e produtos químicos con bandeira estadounidense, e o Solong, un buque con bandeira portuguesa e capacidade para o traslado de 9.500 toneladas de carga.

O xefe do porto de Grimsby Oriental, Martyn Boyers, confirmou que tras a colisión puido verse “unha enorme bóla de lume”, se ben resaltou que ambos os buques estaban demasiado lonxe das costas como para poder ver con claridade o acontecido, sen que polo momento transcendesen as causas do accidente.