Sánchez mantén a primeira posición pero perde impulso nun CIS que beneficia PP e Vox, cun BNG que duplica intención de voto
A suma de PP e Vox supera de novo á dos partidos do Goberno, mentres Sumar e Podemos continúan á baixa. O BNG alcanza o seu mellor dato dos últimos meses.
O barómetro de novembro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), o primeiro tras a ruptura de Junts co Goberno español e nun contexto político especialmente convulso, reflicte un lixeiro retroceso do PSOE e unha recuperación tanto do PP como de Vox. O estudo, publicado esta cuarta feira, sitúa os socialistas nun 32,6% de estimación de voto, 2,2 puntos menos que en outubro, cando marcaron o seu mellor resultado da lexislatura.
Pola súa banda, o PP ascende até o 22,4%, o que supón unha subida de 2,6 puntos respecto ao mes anterior, aínda que segue once puntos por baixo da porcentaxe coa que gañou as eleccións estatais de 2023. Vox tamén continúa en fase ascendente, cun 18,8%, un punto máis que en outubro e seis por enriba do seu resultado electoral.
A dereita supera o Goberno en estimación de voto
A suma de PP e Vox (41,2%) supera por primeira vez en meses a dos partidos que sosteñen o Executivo estatal: PSOE e Sumar alcanzan conxuntamente un 39,7%. Sumar cae ao 7,1%, seis décimas menos que o mes pasado, e moi afastado do 12,3% co que entrou no Congreso hai dous anos. Podemos tamén retrocede e queda nun 4%.
O partido Se Acabó La Fiesta (SALF), do eurodeputado Luis 'Alvise' Pérez, continúa a diluírse e baixa ao 0,6%, superado por todas as formacións parlamentarias de ámbito autonómico.
O BNG sobe ao 1,1%; ERC supera Junts e EH Bildu adianta o PNV
No ámbito das nacións sen Estado, ERC colócase en cabeza entre os partidos cataláns cun 2,2%, fronte ao 1,1% de Junts. En Euskadi, EH Bildu (1,2%) supera o PNV (0,7%). O BNG, pola súa parte, obtén un 1,1%, o seu mellor dato nos últimos meses.
Sánchez segue sendo o líder mellor valorado, pero baixa
Na valoración de líderes, Pedro Sánchez repite como o mellor puntuado cunha media de 4,14 puntos, tres décimas menos que en outubro. Ségueno Yolanda Díaz (3,99) e Alberto Núñez Feixóo (3,42). O líder peor valorado continúa a ser Santiago Abascal, con 2,98 puntos.
Tamén na pregunta sobre quen preferirían como presidente do Goberno, Sánchez mantén a primeira posición (25%). Chama a atención que o segundo político máis mencionado non sexa Feixoo (8,9%), senón Abascal (11%). Yolanda Díaz obtén un 3,8%, seguida moi de perto polo portavoz de ERC, Gabriel Rufián (3,6%). Ademais, o 27,6% das persoas entrevistadas afirma que non quere ningún deles á fronte do Executivo.