O CIS mantén o PSOE como primeira forza e o PP alcanza o seu peor resultado da lexislatura

Pedro Sánchez, este 11 de setembro en Cuenca. (Foto: Lola Pineda / Europa Press)

O BNG mantén o 0,7% de intención de voto que lle outorgaba o barómetro en xullo

O Barómetro de Opinión do mes de setembro realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) mantén o PSOE como primeira forza, aumentando a nove puntos a súa vantaxe sobre o PP, para o que prognostica a súa peor porcentaxe de intención de voto da lexislatura.

En concreto, a sondaxe outorga ao PSOE unha estimación do 32,7%, fronte ao 23,7% que calcula para os populares. Respecto ao barómetro de xullo, o anterior con intención de voto, o PSOE creceu máis de cinco puntos e medio e o PP deixouse case tres.

O CIS outórgalle a Vox unha estimación de voto de 17,3% (perde máis de un punto e medio), mentres que a Sumar e Podemos, 7,9% (unha décima máis que en xullo) e 4,3% (perde unha décima), respectivamente. O BNG mantén a intención de voto que no barómetro de xullo, un 0,7%.

Se Acabó La Fiesta (SALF) perde unha décima, rexistrando 1,6% e quedando por baixo de ERC (2,1%) e por diante de EH Bildu (1,1%) e Junts (0,8%) e PNV (0,6%)

O Barómetro de Opinión de setembro tamén conclúe que Pedro Sánchez é o líder político mellor valorado, cunha puntuación de 4,23, por diante de Yolanda Díaz (4,13), Alberto Núñez Feixoo (3,55) e Santiago Abascal (2,93).

Competencia en prevención de incendios

O CIS preguntou nesta ocasión tamén polos incendios, logo da vaga de lumes que afectou tanto a Galiza como outros territorios do Estado español. Así, 37,9% das persoas enquisadas considera que as competencias para previr a aparición de incendios e loitar contra eles deben ser do Goberno estatal, mentres que o 41,1% cre que estas competencias deben seguir a ser das comunidades autónomas e o 8,7%, de ambas as administracións, en colaboración.

O barómetro de setembro revela que 65,1% das persoas enquisadas están moi preocupadas polos incendios forestais e o 29,8% bastante preocupado, mentres que 4,1% está pouco preocupado.

O 69% cre que no futuro pode verse afectado ou alguén da súa familia polos lumes, mentres que 24,5% non cre que vaia verse afectado. O 8,8% asegura que xa o foi.

Ademais, 75,1% defende que é necesario un gran pacto de Estado entre todas as forzas políticas para facer fronte ás emerxencias do cambio climático e o 11,3% considera que non é necesario. A preocupación polo cambio climático pasou do 1,7% do barómetro de xullo a un 4,3% en setembro.

Vivenda, inmigración e calidade do traballo

Ademais, o barómetro reflicte unha repunta da preocupación pola inmigración, que desbanca a corrupción do segundo posto da lista de problemas, e tamén un récord de mencións á mala calidade do emprego, que se sitúa como terceiro problema.

En concreto, a vivenda aparece mencionada como un problema no 30,4% dos cuestionarios (sube 4 décimas con respecto a xullo), seguida da inmigración, que colleita un 20,7%, fronte ao 18,4% do barómetro anterior.

Pola súa parte, a preocupación pola corrupción e a fraude, que se disparara en xullo até o 25,3% tras o estalido do caso contra Santos Cerdán, cae da segunda á novena posición, cun 10,9% de mencións.

A terceira praza é para os problemas relacionados coa calidade do emprego, que marcan récord cun 17,1% de alusións, 3,3 puntos máis que o barómetro de xullo.

Ficha técnica

O estudo realizouse, do 1 ao 6 de setembro, con 4.122 entrevistas en 1.224 municipios do ámbito estatal, cunha selección aleatoria de teléfonos fixos e móbiles nunha porcentaxe de 16,4% e 83,6% respectivamente. O CIS estima que o erro de mostraxe para o conxunto da mostra é de 1,6%, para un nivel de confianza do 95,5% (dúas sigmas) e P=Q.