Case 60.000 persoas teñen tres veces máis riqueza que 4.000 millóns

Crianzas palestinas comen alimentos dunha cociña benéfica no medio dunha crise de fame. (Foto: Omar Ashtawy / APA Imaxes vía ZUMA Press Wire / dpa)
A desigualdade de xénero e o cambio climático, chaves.

Os ricos son máis ricos e os pobres son máis pobres. Esta é a principal conclusión do Informe sobre a Desigualdade no Mundo 2026, publicado a cuarta feira polo World Inequality Lab, no que participaron máis de 200 investigadoras e investigadores.

Neste momento, 0,001% da poboación mundial, as menos de 60.000 persoas con máis recursos económicos do planeta, ten tres veces máis riqueza que a metade máis pobre da humanidade, máis de 4.000 millóns de persoas.

Desde a década de 1990 o patrimonio desta minoría medrou 8% de media anual. Entrementres, 10% da poboación mundial ten 75% do patrimonio e absorbe 53% dos ingresos globais.

Xeograficamente hai unha división moi marcada, pois América do Norte e Oceanía contan con ingresos e riqueza que alcanzan 300% da media mundial, 200% no caso de Europa. En cambio, o sur e sueste de Asia e a África subsahariana contan con menos da metade da media.

Discriminación de xénero e cambio climático

O documento fai énfase en que dous elementos chave agravan a desigualdade, o cambio climático e a discriminación de xénero. Posto que as mulleres efectúan no mundo a meirande parte dos traballos non remunerados apenas quedan cunha cuarta parte dos ingresos de traballo totais, un punto no que non se produciron avances desde 1990.

No tocante ao quecemento global, á vez que a poboación con menos recursos está detrás de só 3% das emisións, o 10% máis rico causa 77%. Estas desigualdades “son extremas e persistentes”, indica a entidade, que demanda unha cooperación global para instaurar sistemas fiscais progresivos, sentenciando que “das vantaxes da mundialización e do crecemento económico só se beneficia unha parte minoritaria”.