Case 1.400 palestinos foron asasinados por Israel en Gaza cando intentaban conseguir comida

Norte de Gaza o 19 de febreiro de 2025. (Foto: Omar Ashtawy / Apaimages / Europa Press / Contacto)

Beijing critica as sancións de Washington contra a ANP e a OLP.

O hospital Nasser de Khan Younis, no sur de Gaza, informou a sexta feira de que unha crianza foi asasinada polos militares israelís á beira dun punto de repartimento de axuda da Fundación Humanitaria de Gaza (GHF) en Rafah, pouco antes de que se fixeran públicas imaxes do enviado especial dos Estados Unidos, Steve Witkoff, nun recinto da entidade na mesma cidade.

A axencia Wafa indicou que cinco persoas foron asasinadas onte xunta estes puntos. En paralelo, a Organización das Nacións Unidas (ONU) elevou a 1.373 palestinas e palestinos a cifra de mortes na contorna deles desde finais de maio.

Ademais, as mortes por fame no enclave, no contexto do bloqueo israelí, aumentaron a 154 persoas, entre elas como mínimo 89 crianzas, nunha xornada na que se constatou a morte de dous bebés máis por este motivo.

A GHF é una iniciativa israelí-estadounidense criticada pola ONU e as organizacións humanitarias que traballan na Faixa, que critican que non cumpre cos preceptos humanitarios e forma parte da tentativa de limpeza étnica de Israel, ao obrigar a poboación a desprazarse cara ao sur de Gaza se non quere morrer de fame.

Sancións dos Estados Unidos

Ao tempo, Guo Jiakun, voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, transmitiu que están “sorprendidos e decepcionados” ao continuar Washington “desestimando os esforzos da comunidade internacional pola paz”.

Guo aludía ás sancións estadounidenses a membros da Autoridade Nacional Palestina (ANP) e da Organización para a Liberación de Palestina (OLP), que o país americano xustificou pola súa denuncia do xenocidio israelí no Tribunal Internacional de Xustiza (TIX) e no Tribunal Penal Internacional (TPI).