Canadá achégase á China no medio da tensión cos EUA: "É máis predicíbel e vense resultados"
"É máis predicíbel e vense resultados", respondeu o primeiro ministro canadense, Mark Carney, ao referirse á relación bilateral coa China, tras ser preguntado se podía concluír que o país asiático "é un socio máis predicíbel e quizais confiábel para o Canadá que os Estados Unidos hoxe en día".
"A nosa relación —a única comparación que lles farei— cos EUA é moito máis multifacética, máis profunda e máis ampla que coa China. Mais si, con respecto a como progresou a nosa relación coa China nos últimos meses, é máis predicíbel e vense resultados", sostivo o líder do Goberno canadense.
Aludiu así mesmo á súa primeira conversación telefónica co seu homólogo chinés, Li Qiang, "á longa reunión co presidente Xi [Jinping] en Corea [do Sur], e ás reunións dos últimos días", que tiveron lugar en Beijing, e onde as dúas partes evidenciaron os avances da súa "asociación estratéxica".
"Dedicamos bastante tempo en todas esas reunións aos aspectos clave da relación, por así dicilo, onde sentimos que podiamos cooperar, onde tiñamos diferenzas de opinión, onde tiñamos diferenzas de visión dentro do sistema, respectando as diferenzas de cada un", destacou.
Para concluír, valorou que "ese tipo de diálogo franco, consistente e conciso" que mantivo coa delegación chinesa "conduce a unha relación máis predicíbel e efectiva". Neste sentido, Carney comunicou que alcanzou un acordo con Xi para reducir os aranceis sobre os produtos das dúas partes.
"O Canadá e a China alcanzaron un acordo comercial preliminar, mais histórico, para eliminar barreiras comerciais e reducir aranceis", dixo o primeiro ministro canadense durante unha rolda de prensa despois de realizar unha visita de alto nivel á China na que escenificou o bo momento que viven as súas relacións co país asiático.
Achegamento á China nun contexto de tensión cos EUA
Todo isto nun contexto no que, desde o regreso do presidente Donald Trump á Casa Branca, a relación canadense cos Estados Unidos viviu momentos de especial tensión. O mandatario estadounidense declarou que lle gustaría que o Canadá se convertese no estado 51 dos EUA e deostou o T-MEC, ao asegurar que son os países veciños os que precisan do acordo comercial.