BNG, ERC, EH Bildu e Podemos reclaman no Congreso unha resposta firme do Goberno ante a escalada militar dos EUA no Caribe

Donald Trump e Pete Hegseth, o 2 de decembro. (Foto: Daniel Torok / White House)

As organizacións instan o Executivo de Pedro Sánchez a defender a soberanía de Venezuela e Colombia e a reafirmar o compromiso do Estado español co Dereito Internacional fronte aos ataques e ameazas lanzados pola Administración Trump.

Os grupos parlamentarios de BNG, ERC e EH Bildu, por unha banda, e Podemos, por outra, veñen de rexistrar no Congreso cadanseu paquete de iniciativas nas que piden ao Goberno español que tome postura de maneira clara ante o que consideran unha "escalada de ameazas, presións e actuacións unilaterais" dos EUA contra Venezuela e Colombia.

As tres formacións soberanistas presentaron unha proposición non de lei (PNL) na que alertan de que as accións anunciadas pola Casa Branca constitúen "unha vulneración de principios esenciais do Dereito Internacional e da soberanía dos pobos", así como un factor de desestabilización para o Caribe. Reclaman que o Estado español manifeste "un compromiso coa igualdade soberana dos pobos" e coa resolución pacífica de conflitos, en consonancia coa Carta das Nacións Unidas.

A iniciativa solicita, ademais, que o Executivo de Pedro Sánchez rexeite explicitamente as ameazas lanzadas pola Administración de Donald Trump e que traslade esa posición tanto directamente aos EUA como aos organismos internacionais dos que forma parte España, a fin de evitar unha maior deterioración da situación.

Podemos alerta dunha posible intervención militar

Nunha PNL paralela, Podemos pon o foco na "ofensiva diplomática, política, económica e militar" que, ao seu xuízo, Washington mantén contra Venezuela e Colombia. A formación morada afirma que esta estratexia "vulnera os principios fundamentais do Dereito Internacional" e lembra que desde agosto os EUA despregaron no mar Caribe un amplo grupo naval con buques de guerra, un portaavións nuclear, drones e milleiros de efectivos, nunha operación sen mandato nin autorización do Consello de Seguridade da ONU.

Citando información publicada polo New York Times, Podemos sostén que os EUA levaron a cabo polo menos 20 ataques militares na zona, con máis de 80 vítimas mortais entre civís colombianos, venezolanos e trinitarios. A formación interpreta estas accións como unha tentativa de "crear as condicións para unha intervención militar en Venezuela, forzar un cambio de réxime e asegurar o control dos seus recursos estratéxicos, nomeadamente do petróleo".